Site icon Crónica3.com A Mariña

Ó Cultural! organiza o festival Vraó! entre o 11 e o 12 de xullo en Foz

Ó! Cultural é unha asociación cultural focense sen ánimo de lucro que nace da vontade e o desexo dun grupo de persoas que levaba tempo soñando coa idea de participar dunha forma máis activa no tecido cultural de Galicia. E que mellor maneira de facelo que creando esta asociación para a aposta, defensa, fomento, difusión e promoción da cultura galega especialmente e da cultura global en xeral?

Filosofía
Ó! Cultural xurde desa vontade e queremos levala a cabo en coherencia coa idea de independencia artística e cultural. É dicir, desligada dos intereses de grandes empresas privadas e dos intereses puramente comerciais. Polo tanto, trataremos a cultura como un desafío ante esa outra cultura preconcibida para o consumo masivo e irreflexivo, como un dereito dos propios creadores para controlar todos os aspectos do proceso creativo e como unha garantía de liberdade creadora.

Pretendemos que Ó! Cultural sexa unha forza viva e imparable que camiñe por sendeiros de autenticidade, que sexa un motor que funcione como catalizador dese ben común tan prezado que é a cultura.

Cremos que esta forma de facer independente debe ocupar un destacado e merecido espazo no panorama cultural actual, polo que aspiramos a ser un altavoz, un transmisor, un faro que guíe aos interesados por estes sendeiros creativos máis alternativos.

Contexto
Ó! Cultural comeza a súa andadura nun contexto e nun momento moi especiais para a nosa terra, un momento de máxima actividade creativa, unha época cunha pluralidade e amplitude de propostas únicas, sexa cal sexa o ámbito ou disciplina (literatura, música, cine, gastronomía, arte urbana…), unha etapa de auxe que hai que aproveitar. Por iso, queremos vivir este presente, participar neste presente e axudar a construír o futuro.

Obxectivos
Ó! Cultural temos o forte desexo de participar na transformación da realidade que nos tocou vivir aportando pingas de sinceridade, honestidade, rigor e autenticidade.

Buscamos promover novos talentos, dar oportunidades a todos aqueles que teñen algo que dicir ou descubrir minas culturais agochadas para darlles a visibilidade que se merecen. Buscamos fomentar “o noso”, a nosa cultura, como un organismo cunha forza de valor incalculable.

Pretendemos actuar como unha fiestra que non só deixe pasar os raios e a luz do sol ao interior, senón que tamén permita ver o que hai máis aló da nosa habitación.

Queremos, en definitiva, participar e incidir dun xeito activo e significativo na sociedade mediante procesos de difusión cultural cun carácter inclusor e integrador.

Vraó!
Así pois, os vindeiros 11 e 12 de xullo, venres e sábado respectivamente, terá lugar o primeiro proxecto de Ó! Cultural: un festival de música, de sons independentes que se desenvolverá en diferentes localizacións de foz co patrocinio de determinados establecementos hostaleiros da vila, a ACIA, o Concello de Foz e a Deputación de Lugo, baixo o nome de Vraó!

O nome elixido para este primeiro evento é simplemente Vraó porque consideramos que esta palabra ten a suficiente forza e significado como para transmitir todo o que desexamos, xa que é unha palabra con moita carga identitaria para a nosa zona.

O vrao son pantalóns cortos, salitre na pel, paseos en bici, comidas na praia, cervexas cos amigos nas terrazas dos bares, as festas populares, os días longos coas súas respectivas noites longas, a troula. O vrao é, por así dicilo, a vida simple.

Vraó! É ese festival de sons independentes que sempre soñamos e que afonda nos principios fundadores da asociación.

Localizacións
Co porto como escenario protagonista e coas localizacións irmás das rúas Illa Nova e Concello de Sarria, a vila tinguirase de música durante dous días que prometen ser máxicos.

Un dos puntos máis atractivos do festival é que será de balde, cuestión que supón un importante esforzo por parte da asociación e dos colaboradores. Neste sentido, Vraó! É unha combinación gratuíta de sons, identidade, sabores e paisaxe. É unha recuperación da música na rúa como elemento de igualdade social e de desfrute. É unha aporta polo pequeno formato como signo distintivo de calidade, rigor e encanto. É unha achega pequena, pero moi representativa ao que está a acontecer musicalmente en Galicia nos últimos tempos que é moito.

Vraó! Son 5 escenarios polos que pasarán 9 bandas integramente galegas. Todo comenzará o venres 11 de xullo ás 22.00 horas no escenario “A Maseira” da rúa Illa Nova (patrocinado polo pub Namarinos” na rúa veciña Concello de Sarria, terá lugar outro concerto e un peche de noite cun dj. O sábado, no porto, ás 20.00 horas comezará a segunda xornada no escenario “PachánClub” (patrocinado por bar A Rambla) no que tocará unha banda. Despois, ás 21.15 horas, pasarase ao escenario “Rente ao mar ese camiño” (patrocinado polo bares O Lar e A Funcional) para desfrutar de dúas bandas. Finalmente, pecharase a xornada e o festival coas tres actuacións máis dj que comezan ás 0.15 horas no escenario “Trás!! (patrocinado polo bar O Muelle e o pub Namarinos) situado na zona da antiga rula.

Das nove bandas que termos en Vraó! temos o pracer de presentarvos , como adianto do cartel, ás tres primeiras en saír á luz. Son Trilitate, Grampoder e Unicornibot. Trilitrate é unha banda de Vigo que revisitan a música clásica dende a modernidade, unha pequena xoia emotiva que agarda facerse cos corazóns dos presentes. Grampoder é un grupo afincado en Compostela que mestura folk, rock, psicodelia e punk cun sentido pop asilvestrado, con letras lúcidas e reivindicativas, son diversión en estado puro. Unicornibot son o espectáculo, a sensación galega e española, cun dos directivos máis explosivos da actualidade e coa súa proposta post-rock- instrumental de estruturas matemáticas e ritmos salvaxes e progresivos.

Vraó! é o primeiro round no combate que Ò! Cultural libra de forma moi consciente a favor da cultura do país. Vraó! é a volta ao lugar que nunca debemos deixar.

Miguiña
Miguiña é a terceira presentación do día, unha campaña que promove Ó! Cultural para a colaboración e participación cidadá, dentro do seu concepto de asociación cultural viva, aberta e en continuo movemento.

A través dun vídeo promocional moi especial, explícase o concepto de “miguiña”, que se traduce nas aportacións que se poidan facer coa asociación. É dicir, desde a asistencia aos eventos organizados e o uso dos servizos da vila á compra de merchandising oficial (camisetas, bolsos, vasos do festival…) pasando polo fundamental, que é facerse socio e pasar a ser un membro activo máis de Ò! Cultural.

Exit mobile version