O Burela FS Pescados Rubén repetiu despregamento goleador na 28ª xornada de Primeira División coa visita a Vista Alegre do serio Queralt Gironella. Gran formulación de Quico Otero e contundente triunfo ante un grande equipo que outorga ás mariñás tres novos puntos de ouro na recta final da liga, con catro dianas da pichichi laranxa, Peque, e dobrete de Bea Mateos.
Os goles non se fixeron esperar na bomboneira, que xa foi testemuña da vantaxe burelista no primeiro minuto de xogo, con xogada persoal de Bea Mateos pola banda, culminada con regate ao bordo da área. As catalás non se amilanaron ante un Burela FS que demostrou ganas e acerto desde o asubío inicial e subiron o empate no minuto 5, coa firma de Pilar, aproveitando unha perda galega. No entanto, tan só un minuto despois, Peque valíase dun balón despexado pola meta barcelonesa, tras contraataque iniciado por Lidia, para subir o 2-1. A falta de 5 minutos para o descanso, Bea Mateos, de vaselina, volvía facer gala do seu olfacto goleador para ampliar con 3-1.
O segundo período renovou o tempo do partido con máis resistencia da portería rival para as pupilas de Quico Otero. Foi de novo a arquigoleadora burelista, Peque, a encargada de facer as delicias de Vista Alegre, co 4-1, que conseguiu superar a meta barcelonesa, tras pase de Maite. Inmediatamente, o Gironella reaccionou apostando por porteira-xogadora, na tentativa de dar a volta ao marcador. Sen poder xerar perigo sobre os paus defendidos por Patri e xa recuperado o xogo de catro para as catalás, Peque adornou a vitoria laranxa, con dobre aparición, no 38, a pase de Claudia, e a falta de 5 segundos para o final, auxiliada por Bea, para finalizar co 6-1 definitivo.
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Patri, Peque, Bea Mateos, Daniela, Claudia, cinco inicial; tamén xogaron Lidia, Silvia, Lara, Maite e Paula
Queralt Gironella: Raquel, Anna Riera, Celia, Berta, Ingrid, cinco inicial; tamén xogaron Noe, Miriam, Ingrid Carrillo, Claudia, Lydia e Pilar
Goles: 1-0, minuto 1, Bea Mateos; 1-1, minuto 5, Pilar; 2-1, minuto 6, Peque; 3-1, minuto 15, Bea Mateos; 4-1, minuto 28, Peque; 5-1, minuto 38, Peque; 6-1, minuto 40, Peque
Árbitros: Manuel Dans // JM Carreira (A Coruña)
Tarxetas: Por Burela FS tarxeta amarela a Maite; por Gironella a Celia e Claudia
Incidencias: Partido correspondente á 28ª xornada de Primeira División RFEF. Arredor de 200 espectadores. Durante o descanso o conxunto Xuvenil e o Infantil A saltaron á pista tras o seu recente título da liga provincial de Lugo, así como o Alevín, como subcampión de Lugo, para recibir as felicitacións do club, coa presenza do presidente, Manuel Blanco, e o directivo José Ángel Dovale.