Ribadeo, 21 de maio de 2014.- Ribadeo será escenario os días 24 e 25 de maio e 14 e 15 de xuño dun Curso de Iniciación de Adestradores de Baloncesto, que organiza a Federación Galega de Baloncesto e que conta coa colaboración do Concello ribadense.
O coordinador da Federación Galega de Baloncesto na Mariña, José Antonio Sama Díez, sinalou que “un dos obxectivos primordiais que quixemos esta tempada foi potenciar o baloncesto na Mariña, facendo seguimento de xogadores, organizando eventos coma o torneo de seleccións que se celebrou en Ribadeo hai uns días, e quedábanos darlle un impulso aos adestradores. Qué mellor xeito de facelo que organizando un curso de monitores de iniciación”.
Sama Díez dixo que “a Federación Galega quere agradecerlle ao Concello de Ribadeo a aposta que está a facer polo deporte en xeral e polo baloncesto en particular, porque xa non é o primeiro evento de baloncesto que se fai aquí. Agora serán os adestradores de baloncesto os que poderán disfrutar dunha instalación exemplar, cunha sala que conta con todas as comodidades para facer este curso. Serán dúas fins de semana, 32 horas prácticas, e teño que destacar o profesorado que vai vir. Imos ter a dous seleccionadores galegos das categorías infantís, tanto masculina como feminina, como son Miguel Angel Hoyo e Armando Otero, tamén teremos a Juan Carlos Castro, director deportivo do CB Breogán de Lugo; e a David Posada, un árbitro da Federación Galega de Baloncesto, entre outros”.
O coordinador da Fegaba animou “á xente que queira a facer o curso. É un curso aberto a todos os rapaces e rapazas da Mariña desde 15 anos. Das case 20 persoas que temos xa, 6 son de Ribadeo, moitos son rapaces do clube que están a botar unha mar e que é importante que vaian facendo estes cursos e que nun futuro próximo dean relevo ás persoas que estamos adestrando e que vaian collendo a responsabilidade de levar equipos de cativos”.
O edil de Deportes, Vicente Castro, indicou que “o curso tamén ten como fin mellorar tanto técnica como cualitativamente a dirección de todos os que imparten cursos de baloncesto, e sobre todo dos monitores das escolas deportivas. É o segundo curso que se fai para adestradores/as, o anterior foi o de fútbol que reuniu a preto de 30 en Ribadeo”. O edil nacionalista destacou “as cualidades do novo pavillón polideportivo municipal para albergar este tipo de eventos deportivos. Poñemos a disposicións das federacións as nosas instalacións, todo o que sirva para mellorar a práctica destes deportes en Ribadeo, estamos a disposición de ofrecer todas cantas instalacións temos. Agrademos ao coordinador da Federación Galega de Baloncesto na Mariña que traia tamén esta iniciativa, este curso, a Ribadeo”.