Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian a enorme perda do poder adquisitivo dos empregados públicos cos gobernos do PP

Sindicatos3LUGO, 20 DE MAIO DE 2014.- Os secretarios provincial –Juan Carlos González Santín- e de Organización –Carlos Ferreiro- e o senador lucense –Ricardo Varela- mantiveron este martes en Lugo unha xuntanza cos representantes dos tres Sindicatos maioritarios.

Nesta reunión, o secretario provincial do PSOE criticou as políticas dos gobernos de Rajoy e Feijoo que están a atacar brutalmente os dereitos dos empregados públicos, algo que tamén repercute no resto da cidadanía ao deteriorar os servizos da administración.

Nos últimos catro anos, os empregados públicos perderon un 18,20% do seu poder adquisitivo algo que en Galicia, coas medidas levadas a cabo polo goberno de Feijoo, chega ao 25,7% menos. “Ao presidente da Xunta se lle enchía a boca prometendo manter intactas as condicións laborais dos empregados públicos durante as pasadas eleccións autonómicas, pero unha vez máis os datos demostran que mentía”. No 2010 procedeu á rebaixa salarial do 5%, no 2011 á conxelación salarial, no 2012 suspendeuse a paga extra de Nadal e no 2013 realizouse un recorte nos salarios cunha media do 5,5%. Se a todo isto sumamos á suba do IPC e as subas de taxas, a perda de poder adquisitivo increméntase aínda máis. A situación empeorará este ano, xa que o goberno de Feijoo ten previsto realizar un novo recorte adicional de entre o 4 e o 7%. Todo isto supón un duro golpe para as familias e para o consumo.

Pero non soamente son os recortes dos soldos os que afectan aos empregados públicos: aumentouse a xornada laboral, suprimíronse días de permiso e vacacións, suprimiron o cobro do complemento de incapacidade temporal e aprobaron o despedimento do persoal laboral fixo. Unha serie de medidas que atentan contra os dereitos dos traballadores públicos, “recortan sobre as persoas, sobre os traballadores, mentres están a rescatar bancos”. “As políticas do PP mostran a súa falta de sensibilidade coa clase traballadora”, engadiu Santín.

O secretario provincial denuncia que nos últimos anos do goberno do PP en Galicia destruíronse uns 5.000 empregos públicos, á vez que se están a privatizar servizos que logo son máis caros e custosos para a administración. Fronte a isto, os socialistas pretendemos promover, apoiar e por en valor un emprego público que garanta uns servizos públicos de calidade e evitar a precariedade do funcionariado. Ante a actual difícil situación do emprego, que tamén afecta ao emprego público, os socialistas propoñemos o diálogo e o deseño dun plan que, deixando a un lado o debate político, sirva para crear emprego goberne quen goberne e dea unha maior eficiencia á administración pública.

Por outra banda, Santín resaltou a importancia que teñen na sociedade os empregados públicos e o importante traballo que realizan día a día os educadores, os sanitarios, o persoal de xustiza, os encargados da nosa seguridade, os administrativos e outros funcionarios que garanten a calidade dos servizos públicos e o funcionamento da administración.

Ao amparo da crise e das políticas de austeridade impostas desde Europa, o PP está a aniquilar os servizos públicos, por iso o secretario provincial, reclamou o voto nas vindeiras eleccións para “demostrar que hai outra forma de facer política e de arranxar as cousas”. “Os socialistas demostraremos, como xa fixemos en numerosas ocasións, que non é necesario acabar coa calidade do traballo dos empregados públicos nin cos seus dereitos, afirmou.

Exit mobile version