Cervo 19 de maio de 2014.- A sanidade foi este luns a temática central do PP en A Mariña. E para falar desta materia, foi a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera á que viaxou ao norte da provincia lucense para reunirse con representantes do PP nesta comarca. Entre alcaldes e voceiros dos diferentes concellos mariñáns, estiveron presentes, o presidente provincial, José Manuel Barreiro e o secretario xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro.
VISITA Á RESIDENCIA DE CERVO
A primeira parada foi a residencia de Cervo; un centro promovido por unha Asociación, apoiado pola Xunta de Galicia, que conta con prazas concertadas e que recibiu apoios económicos por parte do Goberno galego.
Conselleira e representantes do PP lucense foron recibidos pola presidenta do centro, Iris Castro, quen lles amosou as instalacións e lles explicou o obxectivo da asociación, que non é outro que manter á persoas con enfermidade mental no contorno comunitario, dar apoio ás familias e prestar servizos de rehabilitación psicolóxica e social, mediante unha atención integral.
Os populares puxeron de exemplo este centro e cualificárono de “referente” no que a atención a persoas con enfermidade mental se refire e afirmaron que o PP está comprometido con estes enfermos e familiares e traballa para que se mellore o seu modelo de atención.
Un centro con 25 prazas residenciais e con 50 prazas para centro ocupacional
Resaltaron os populares que esta unidade residencial supón un salto cualitativo na atención ás persoas con enfermidade mental, xa que ata o momento a provincia de Lugo non dispoñía dun centro destas características e lembran que en toda Galicia, tan só hai tres residencias destes tipo na Peroxa (Ourense), Cee (A Coruña) e Vilagarcía (Pontevedra). Lembraron ademáis, que este Centro de Cervo conta con 25 prazas residenciais, 10 concertadas co Servizo Galego de Saúde e 15 privadas e que a maiores, ten 50 prazas para centro ocupacional.
A conselleira de Sanidade afirmou que dotar ás persoas con discapacidade dos apoios necesarios para favorecer a súa calidade de vida así como favorecer a que poidan permanecer no seu entorno promovendo que os centros residenciais e de día se sitúen en aquelas zonas onde exista demanda de atención, adaptándose ás necesidades cambiantes das persoas con discapacidade é un dos obxectivos da Xunta de Galicia.
XUNTANZA CON ALCALDES E VOCEIROS DE A MARIÑA
Logo de visitar as instalacións socio- sanitarias, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, mantivo unha xuntanza con alcaldes e voceiros da comarca de A Mariña, onde analizaron diferentes aspectos do ámbito do servizo público de saúde coa vista posta no proxecto de ampliación do Hospital da Costa, onde xa se licitou o Plan Director, e que está pendente da adxudicación.