Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela apoia á Asociación de Amigos e Amigas da Banda e critica a actuación do PP

Burela, 21 de maio de 2014.- Dende o PSdeG-PSOE de Burela, e ante a nota feita pública pola Asociación de Amigos e Amigas da banda de Burela, queremos mostrar o noso máis firme apoio a dito colectivo e manifestar a nosa crítica máis enérxica na forma de actuar do equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela.

Non podemos entender que se poida deixar morrer unha asociación da que forma parte un amplo número de veciños e veciñas de Burela, mentres se anuncian subvencións do orde de 18.000 euros (dos veciños e veciñas de Burela) para algunha asociación, e se permite que desaparezan outras que precisarían dunha cantidade moito menor para poder seguir sobrevivindo e deleitándonos coa súa música, neste caso. Evidentemente, dende o PSdeG-PSOE de Burela non estamos en contra das axudas que se poidan dar dende o Concello, pero si que entendemos que o moito ou pouco que se poida axudar dende o Concello debe de repartirse entre todas as asociacións que fan que a vida social do noso pobo sexa activa, e a Banda de Música é claramente unha delas. Do que estamos totalmente en contra dos métodos caciquís e sectarios cós que se reparten ditos fondos, sen ningún tipo de criterio obxectivo que non sexa o “dedo” do Sr Barcia e o seu séquito. Estas prácticas concordan máis có típico pequeno cacique que quere comprar os favores dos demais pero con cartos que nin sequera son seus, senón que son de TODOS os veciños e veciñas de Burela. Temos que recordarlle ó Partido Popular de Burela que está elixido para gobernar para todos os veciños e veciñas de Burela, non só para unha parte deles.

Para o noso xeito de ver estes feitos non veñen máis que a demostrar que a persecución política segue presente en Burela, como xa temos denunciado noutras ocasións, e o Partido Popular de Burela pretende aniquilar a aquelas asociacións que non rendan pleitisía a un equipo de “desgoberno” que ten perdido o norte dende o momento en que accederon ó Concello. É evidente que un alcalde que non reside no pobo non pode saber as necesidades reais do mesmo, menos vendo da xente que está rodeado.

Temos que recordar que a Banda de Música de Burela conta con máis de 25 anos de andaina, e que foi o propio Partido Popular o que no seu día inverteu unha grande cantidade de diñeiro para que a Banda de Música pasara a pertencer ó Concello de Burela, o que demostra o interese por parte do Sr Barcia en rentabilizar as inversións que se fixeron no seu día por parte dos veciños e veciñas de Burela para ter unha Banda de Música propia, unha Banda de Burela e dos burelaos que serviu como formación de novos músicos do noso Concello.

Dende o PSdeG-PSOE de Burela queremos facer un chamamento os dirixentes desta asociación para que sigan na súa loita, e que poñan todo o seu empeño para que este proxecto non morra, para o que terán o apoio incondicional deste grupo político. Deben de ter en conta que á volta dun ano a situación mudará e poderán contar có apoio preciso para que poidan seguir adiante con este proxecto, nós non deixaremos que a Banda de Música de Burela morra.

Exit mobile version