Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno burelés concede 18.000 euros de subvención á ACIA local para “fortalecer o tecido comercial e empresarial”

Burela, 19 de maio de 2014. O Concello de Burela concederá unha subvención de 18.000 euros á ACIA local, tal e como reflicten os presupostos municipais do presente ano 2014, e segundo o acordado na Xunta de Goberno do pasado martes, na que se aprobou o texto dos convenios a subscribir entre o Concello e as asociacións e colectivos que percibirán subvencións municipais.

Segundo indicou o alcalde, José María González Barcia, “temos que contribuír a fortalecer o tecido comercial e empresarial do noso concello, e máis aínda en situacións de especial complexidade como é a que estamos a vivir. Somos conscientes de que ACIA está facendo unha importante labor de dinamización da economía local para asentar tecido produtivo, e polo tanto desde o minuto un estamos colaborando con eles en todo o que nós podemos”.

O rexedor burelés asegurou que “ACIA saberá sacarlle rendabilidade a esta achega, que nos gustaría que fose máis, pero que nestes momentos é a que é. Ademais, tamén lles deixamos uns locais na praza de abastos como local social, o que significa outra forma de axuda”.

González Barcia afirmou: “e o máis importante, estamos pagándolles ós provedores, é dicir, comerciantes e autónomos, coa maior celeridade posible, o que contribúe sen dúbida a, cando menos, non destruír postos de traballo nin actividades produtivas”.

Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, José Casas Martínez, manifestou que “a colaboración coa ACIA arranca no mesmo momento en que se xesta a asociación, dado que mantivemos conversas cos promotores desde o primeiro momento. Este ano tentamos regularizar o apoio que se lle viña prestando a ACIA. Cómpre indicar que desde o goberno municipal apoiamos economicamente e con medios humanos e materiais a celebración da Fesa Castrexa, o alumeado de Nadal ou a Árbore dos Desexos”.

Exit mobile version