Site icon Crónica3.com A Mariña

O concurso gastronómico Ribadeo de tapeo vendeu arredor de 60.000 tapas durante a novena edición

Ribadeo, 19 de maio de 2014. De éxito rotundo cualificou o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a novena edición do Ribadeo de tapeo, que concluíu este domingo e na que se venderon arredor de 60.000 tapas do 10 ao 18 de maio. O rexedor deu a coñecer o fallo do xurado: o premio á mellor tapa foi para Casa Pepe-O Piano, o segundo premio para Hotel Restaurante O Cabazo, o terceiro premio para Galipizza&Cía e o premio á tapa Ribadeo (unha das novidades deste ano) foi para Hotel Restaurante La Villa. Houbo unha mención especial para Mesón Pulpeira O Forno. Quedan por coñecerse os premios que elixe o público: a mellor tapa para o público e a mellor barra.

Suárez Barcia dixo que o Ribadeo de tapeo “foi un éxito rotundo, porque apela á nosa cultura, aos nosos costumes, á tradición de compartir cun viño, cunha cervexa, con algo de comer a conversa, as amizades. E, dende logo, é sen dúbida o mellor escaparate gastronómico que temos en Ribadeo e as receitas deste ano volveron poñer de manifesto a calidade e a orixinalidade dos profesionais hostaleiros deste noso concello”.

Para o alcalde de Ribadeo “todos os locais foron gañadores, todos eles puxeron a ilusión e a teimosía e souberon achegar aos clientes propostas atractivas. De aí que estimamos que arredor dunhas 60.000 tapas foron vendidas durante estes días e iso xera un impacto económico de primeiro nivel no tecido produtivo de todo este sector hostaleiro. E aínda que ao Concello lle custa un diñeiro organizar este evento, que conta co apoio imprescindible da Deputación Provincial de Lugo, estamos moi orgullosos de seguir incidindo nestas actividades que xeran riqueza económica”.

Fernando Suárez tivo palabras de felicitación para os gañadores: “o xurado decidiu que o premio á mellor tapa, que é o primeiro premio, foi para o restaurante Casa Pepe-O Piano, coa súa tapa chamada Non te cortes; o segundo premio foi para hotel restaurante O Cabazo, pola súa tapa chamada Juanín; o terceiro premio foi para Galipizza & Cía, pola tapa Un leitón no noso pan; na categoría da Tapa de Ribadeo o premio foi para o hotel restaurante La Villa, coa súa tapa Unha tarde na ría; e a mención especial que quixo ter o xurado deste ano foi para Mesón Pulpería O Forno, coa tapa Os tres solombos do chef, pola combinación de sabores. Faltan agora, xa que terémolos que dar nos próximos días, os premios do público e á mellor barra, pero para iso temos que escrutar os cartóns que os clientes foron depositando nas urnas, que nos están chegando e nos próximos días daremos a coñecer estes dous premios”.

E tamén palabras de agradecemento para os dous xurados, o que fixo a quenda da preselección e ao que realizou a quenda final: “agradecer aos dous xurados que tivemos, o primeiro deles para a quenda de preselección con persoal profesional da hostalería desta comarca, que son os que escolleron os 12 finalistas das 48 tapas; e despois un xurado diferente para a final, que é o que outorga os premios e que neste caso, polo que me indicaron, foron por unanimidade aínda que tiveron certas dificultades pola enorme calidade destes finalistas”.

Os doce finalistas do Ribadeo de tapeo 2014 foron: AG Porcillán, Bouza, O Cabazo, A Dorada do Cantábrico, O Forno, Galipizza&Cía, Parador de Turismo, Casa Pepe, La Solana, El Tranvía, La Villa y O Tumbín. O xurado encargado de facer esta preselección estivo formado por Ana Martínez Arruñada, profesora de Hostalería en Foz; Miguel Angel Sánchez, especialista e profesional da hostelería; e Maite, cociñeira de Vegadelleira.

Este xurado participou xunto a outra na escolla final das tapas. No xurado da quenda final participaron: Pepe Solla, fundador de Casa Solla; Alberto García, fundador de Mesón de Alberto; José Manuel García, periodista gastronómico e presentador do programa da Radio Galega Come e fala; José Luis Olivera, bloguero experto en cociña; e Roberto Whalter, xefe de cociña do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Exit mobile version