Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Lourenzá organiza unha viaxe gratuíta a Cerceda para que os veciños visiten o complexo medioambiental de Sogama

Lourenzá, 21 de maio de 2014. O Concello de Lourenzá organiza unha viaxe gratuíta a Cerceda para que os veciños visiten o complexo medioambiental de Sogama. Será o día 9 de xuño, luns.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “con motivo da celebración o vindeiro 5 de xuño do Día Mundial do Medio Ambiente o Concello de Lourenzá xunto con Sogama invitamos aos nosos veciños a visitar o complexo medioambiental que teñen en Cerceda. Esta viaxe é para todas as persoas adultas que queiran facelo, de xeito gratuíto. Saírase ás oito e media da mañá de Lourenzá”.

A rexedora municipal engadiu que “esta experiencia, na que estas persoas que irán dende Lourenzá serán atendidas por educadores medioambientais que tamén van acompañalos durante todo o percorrido guiado polas instalacións, pensamos que contribuirá notablemente á concienciación da cidadanía na correcta xestións dos residuos urbanos, toda vez que nas súas mans está a posibilidade de producir menos lixo, de reutilizar ao máximo os produtos e, por suposto, de separar correctamente o lixo depositando cada material no colector correspondente. Só así poderemos garantir o seu posterior reciclado”.

Emma Álvarez rematou explicando que “ademais dos beneficios ecolóxicos, a práctica do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) axudará a diminuír os custos que supón o servizo de xestión e tratamento de residuos urbanos para as arcas locais. Por ese motivo animamos a todos os veciños que queiran coñecer de preto o complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, a que se anoten antes do día 6 no noso Concello, nas oficinas do técnico de emprego ou no teléfono 982.12.10.06”.

Exit mobile version