Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz repara o muro do campo de fútbol de Malates, danado polos temporais do pasado inverno

210514 FOTO OBRAS NO CAMPO DE FÚBTOL DE MALATES (2)Foz, 21 de maio de 2014.- O Concello de Foz repara o muro do campo de fútbol de Malates, que resultou danado polos temporais do pasado inverno. Aproveitando o bo tempo tamén está levando a cabo outras obras como o pintado dos pasos de peóns e outra sinalización horizontal na vila e substituirá os pasos elevados, construídos na etapa anterior e que non cumpren a normativa actual.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, explicou hoxe que “se iniciaron as obras de reparación do muro de peche do campo de fútbol de Malates, que foi tirado polos temporais deste último inverno tan complicado que tivemos. Estanse a facer con fondos propios e coinciden tamén con outra serie de obras importantes pendentes que estábamos esperando a que viñese o bo tempo para facelas. Entre elas, ademais deste muro, estanse pintando arredor de medio cento de pasos de cebra no casco urbano, obra que levaba tempo demandándose e que tíñamos prevista, pero ten que haber bo tempo e por iso a facemos agora, na primavera. Xa empezamos na rúa Corporacións e seguiremos por todo o casco urbano. Pintaranse tamén as liñas divisorias de carrís nas entradas á vila: dende as rotondas de Vilaxoane e de Fazouro ata o casco urbano”.

O rexedor municipal engadiu que “tamén se comezará unha obra importante, que vai ser a substitución dos seis pasos de cebra elevados, que non quedaron ben no seu momento, cando os fixera o anterior goberno, e que se atopan en mal estado e que non cumpren a normativa actual. Vamos poñelos en regra. Son os pasos que hai en fronte ao instituto, a Villa Modesta, á Casa da Cultura, ao asilo e ao pavillón municipal. Serán substituídos por outros, tamén elevados pero que cumpran a normativa”.

Javier Castiñeira comentou que con estas obras “empezan os traballos para preparar a vila de cara á época estival. Nas praias tamén se están facendo numerosas obras de reparacións de pasarelas, muros e accesos. Polo tanto esperamos que para o verán o concello estea nunhas condicións dignas, como se merece Foz”.

Exit mobile version