Foz, 21 de maio de 2014. O Concello de Foz fai público o pésame polo falecemento do artista Juan Queralt. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, destacou que era focense de adopción e que estaba facendo unha obra sobre San Rosendo para o museo da basílica de San Martiño.
“Dende o Concello de Foz sorprendeunos moito a noticia do falecemento do artista Juan Queralt e queremos mostrar as nosas condolencias á súa familia. Era unha persoa focense de adopción, a quen lle colléramos cariño na vila porque pasaba moito tempo aquí, facía vida en San Martiño de Mondoñedo, onde estaba facendo unha obra sobre os seus personaxes favoritos: San Rosendo, que foi bispo de Mondoñedo. Era unha persoa apaixonada cos valores humanos e coa xuventude. Quería transmitir esa forza que lle daban a el dous personaxes como San Rosendo e Cervantes. Era unha persoa á que lle gustaba moito falar, de conversacións longas sobre cousas transcendentais que acababa plasmando na súa obra”, manifestou hoxe o rexedor municipal focense.
Javier Castiñeira engadiu que “dende o Concello queremos mostrar o noso cariño á familia por esta perda importante. Era un artista que estaba facendo vida aquí e exposicións a longo da Mariña, onde era benquerido. Quedarémonos co seu bo recordo, desas longas conversacións pero tamén da súa obra. El sempre tivo na cabeza deixar esa obra de San Rosendo dentro do museo da reitoral da basílica de San Martiño de Mondoñedo, unha obra de moitísimo valor artístico que practicamente estaba rematando, e polo tanto dende logo que é unha perda importante”.
O alcalde rematou anunciando que “vamos facer chegar á súa familia en Barcelona, á súa esposa e aos seus fillos, ese pésame do Concello de Foz. Descanse en paz”.