Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros mellora a información aos veciños sobre o servizo municipal de abastecemento de auga

Barreiros, 21 de maio de 2014. O Concello mellora a información aos veciños sobre o servizo municipal de abastecemento de auga. A partires de agora os usuarios recibirán unha factura bimestral na que se inclúen os datos sobre o consumo e o custe, entre outras cousas. O alcalde, Alfonso Fuente, sinala que deste xeito “Barreiros se pon ao nivel doutros concellos de maior entidade”.

O rexedor explica que “no Concello de Barreiros vimos de presentar o que é a nova factura da auga e de sumidoiros. Non é un recibo a maiores, senón que ata o de agora desde o Concello non se enviaba esta información aos cidadáns. A eles só lles chegaba o recibo co cargo do banco ou ben un aviso para vir pagar a factura en man, por iso cremos oportuno que todo o mundo ten que recibir os datos, o que é o recibo en sí, para que saiban o que vai para cada un, para que vexan tamén que hai unha parte que factura o Concello e o outra parte, que é o canon da auga, que a factura Augas de Galicia. Na factura tamén aparece o número de contador, o número de contrato, consumo de auga, tipos impositivos, etc. É unha información moi ampla que todos os cidadáns debemos ter á nosa disposición”.

Fuente Parga indicou que “a emisión destas facturas ten un custe, que asume o Concello, xa que non se lle repercute aos veciños e veciñas de Barreiros. Penso que esa información é moi positiva tanto para o que o poida deducir fiscalmente, como para calquera cidadán en xeral que queira coñecer todos eses datos. Tamén deste xeito pretendemos actualizar a información, xa que pode haber titulares dos contratos que estean obsoletos, que sexan antigos, e así deste xeito pódense renovar. E xa no reverso dese documento aparecerán informacións diversas, coma neste caso da primeira factura, sobre o fomento da igualdade entre homes e mulleres, a discriminación ao maltrato, ou novas relativas á redución dos consumos de auga, etc”.

O alcalde cre que “este era un servizo que non se estaba a prestar en Barreiros e desde agora nos poñemos ao nivel ou incluso por diante doutros concellos de moita máis entidade e damos toda esta información”.
A factura de auga de Barreiros foi presentada hoxe polo rexedor, Alfonso Fuente Parga, e polo edil de Medio Ambiente, José Manuel Gómez Puente.

Compostaxe doméstica

O Concello barreirense organiza a segunda xornada sobre compostaxe doméstica. Será mañá, 22 de maio, a partires das 17 horas no local social de Vilamartín Grande-Cabarcos.

Segundo explicaba hai uns días o concelleiro de Medio Ambiente, “a intención da xornada é reducir a produción de lixo nos fogares de Barreiros. Ademais ensinarémoslles aos interesados como se fabrica e como se utiliza o compost resultante de todo o proceso”. O edil popular subliñou que “os asistentes á xornada deben ser veciños de Barreiros. Os que acudan recibirán gratuitamente un composteiro e tamén poderán participar na viaxe que faremos á plata de Sogama, en Cerceda, o vindeiro 9 de xuño”.

Exit mobile version