En Foz e Mariña somos coñecedores do que supón o desmantelamento da sanidade pública coa aplicación de recortes masivos que obrigan a desprazamentos das e dos usuarios a outros centros sanitarios fora da comarca, perda de facultativos nos centros de saúde e no propio Hospital da Costa, ou promesas incumpridas de ampliación de servizos como o PAC de Foz, o servizo de quimioterapia, a segunda sala de endoscopias e mesmo a anunciada ampliación do Hospital.
Para o BNG esta situación non so é froito das políticas do austericidio aplicadas polo PP dende o goberno do Estado, senón tamén do acordo para a reforma spress da constitución pactada por imposición da UE durante o goberno Zapatero entre PSOE e PP en 24 horas, que levaron á administración a asumir o rescate da débeda bancaria privada a costa da recortar gasto en servizos públicos esenciais como os sociais e sanitarios. Detrás desta decisión está o recorte brutal no gasto sanitario e a eliminación da universalidade no acceso ao servizo, mais tamén a paralización na aplicación da lei de dependencia e recortes drásticos nas transferencias ás CC.AA para o servizo de axuda a domicilio que en Galiza ten a mais de 19.000 persoas en lista de agarda ou a parálise na aprobación de axudas do RISGA.
Mentres se salva á banca privada, as empresas que xestionan autovías ou se ofrecen amnistías fiscais aos evasores, róubase ao pobo deixando á xente sen servizos sociais e sen tratamentos contra o cancro, como hoxe mesmo foi denunciado por un doente nos medios de comunicación. Os tratamentos para curar enfermidades graves hai que pagalos como sucede co copago de fármacos nas farmacias hospitalarias ou as próteses prescritas polo persoal facultativo e os traslados non urxentes en ambulancia.
O BNG leva anos enfrontando estas políticas antisociais e facendo parte desde fai xa 12 anos da Comisión Focega na Defensa da Sanidade pública que reclama un PAC en Foz, mais de catro da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña e recentemente coa rebelión promovida polo alcalde nacionalista de Riotorto contra o copago de fármacos de subministro e farmacia hospitalaria. Chegou o momento de someter a referendo ese traballo a pé de rúa e coa xente para converter a mobilización social nunha mobilización de votos que permita, dende o parlamento europeo e da man de Ana Miranda, transformar e mudar radicalmente esta situación.