Trabada, 20 de maio de 2014. O BNG tivo este martes o seu acto público no concello de Trabada, onde participaron a portavoz municipal do BNG, María Xosé Fernández e a responsábel comarcal do BNG, Ana Ermida.
No acto que tivo lugar na tarde-noite de hoxe, a formación nacionalista apostou por un sistema de compra-venda de madeira no que se lles garanta aos produtores poder percibir un prezo xusto. Por iso, “o BNG defenderá en Europa que o Tribunal Europeo da Competencia actúe para garantir que os prezos sexan xustos e adecuados ao sector produtor.”
Para a formación nacionalista, “os acordos puntuais aos que poidan chegar os compradores de madeira e as empresas transformadoras, non solucionan un problema de fondo como é que, a partir deste momento, as persoas propietarias de montes van cobrar menos pola súa madeira e, precisamente, son os propietarios quen garanten un medio rural vivo, no que non teñen cabida incendios forestais ou abandono dos montes. Se non se garanten prezos que permitan aproveitar os montes, o que se promoverá será o seu abandono e, polo tanto, máis abandono do rural”, aseguran desde o BNG.
O sector do leite, outra peza clave para o rural galego.
Nun concello coma Trabada, onde aínda resisten explotacións importantes de leite, o BNG tamén recordou a necesidade de aplicar un réxime transitorio no vindeiro ano, cando desaparezan as cotas lácteas.
O BNG defende a creación dun fondo de compensación lácteo que lles permita ás explotacións adaptarse ao novo sistema de produción e paliar os prexuízos que se causarán cando desaparezan as cotas que se impuxeron pola UE como limitación á produción galega.
Como no caso do sector forestal, “a viabilidade do sector agrario pasa por garantir que as persoas produtoras, que son as que viven no territorio e o manteñen, poidan recibir prezos xustos polo seu produto, sexa madeira ou sexa leite.”
Ante un goberno da Xunta que non exerce como galego e que está desaparecido ante os graves problemas de baixadas de prezos tanto da madeira coma do leite, o BNG proclamouse “o defensor en Europa dos nosos sectores produtivos, neste caso, do noso sector forestal e agrario. Porque só garantindo a pervivencia destes sectores se pode garantir a supervivencia do noso rural e, por extensión, de Galiza.”
No acto desta tarde en Trabada, cualificaron de “traidores a quen vende os nosos sectores produtivos por catro patacóns” e chamaron á cidadanía a “castigar ás forzas políticas que sempre utilizaron a Galiza, ao seu monte, ao seu agro, tamén á súa pesca, como moeda de cambio para conseguir resultados para outras partes do Estado.”