A Mariña, 17 de maio de 2014. O BNG realizou na tarde-noite deste sábado un acto público no parque en Ribadeo no que se misturou a reivindicación política coa festa e a celebración nunha data tan sinalada como é o día das Letras Galegas.
No acto, que desde as sete da tarde contou con actividades lúdicas dirixidas a nenas e nenos, houbo tempo para a música, as proxeccións audiovisuais e, como non, para as intervencións política.
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, puxo en valor “outro xeito de facer política, pensada para as persoas e non para beneficiar aos bancos ou ás grandes empresas. Só unha forza política que, coma o BNG, defende sempre ás persoas por riba doutros intereses, pode garantir que se muden as políticas europeas”, asegurou. “O principio de estabilidade orzamentaria esixido pola UE e aplicado no Estado español por PP e PSOE (poñéndose dacordo incluso para modificar a Constitución en 48 horas), afoga a concellos que, coma Ribadeo, queremos ofrecer servizos que permitan vivir con dignidade tamén nos concellos pequenos”, continuou Suárez Barcia.
“O BNG aposta por poñer en marcha desde os concellos, como institución máis achegada ás veciñas e veciños, políticas que favorezan a vida e que eviten que a xente teña que marchar ás grandes cidades para poder ter servizos. Pero para iso, é preciso que se muden de raíz as políticas e os principios que veñen marcados desde a UE. Primeiro hai que atender á xente e, cando as persoas teñan asegurada a súa vida, xa se falará de outras cuestións”, concluíu.
Pola súa parte, a candidata ao Parlamento Europeo, Olalla Rodil asegurou neste acto que “un País que deixa fuxir o seu capital máis importante: as mozas e mozos en idade de producir, está condenado a morrer esmorecido. Non podemos permitir que as políticas deseñadas desde a UE e aplicadas por PP e PSOE indistintamente, que acaban cos sectores produtivos galegos, volvan a converter a Galiza nunha fábrica de emigrantes.”
“Eu, que son filla e neta de emigradas, non quero marchar da miña Terra”, asegurou. “Quero que en comarcas coma A Mariña sexa posible que os seus barcos saian pescar, que as súas ganderías poidan vivir da súa produción e que a industria se poida asentar no seu solo para aproveitar todos os recursos cos que conta este País.”
“Nesta comarca, desde hai catro anos, desapareceron máis de 3000 persoas de entre 16 e 34 anos dos censos. É a proba máis palpábel da emigración. Xente que cambia o seu lugar de residencia, porque non ven futuro na Terra, perden a esperanza de volver. O panorama é desolador, mais hai alternativas e o BNG deféndeas alí onde está”, continuou Rodil.
“Temos que poñer o País a producir e garantir traballo de calidade para permitir que a xente que marchou volva. Temos que ter políticas sociais para atender ás persoas maiores. Temos que defender a política das persoas. E para iso, é preciso que o BNG poida levar a Europa a voz das galegas e dos galegos, sen intermediacións, como estivo facendo estes cinco anos da man de Ana Miranda”, concluíu a candidata nacionalista.