CCOO, CIG, CSIF e SAE convocan unha nova xornada de protesta contra o “maior peche de camas da historia durante o verán”. O mércores 28 de maio ás 12.00 horas, no Hospital da Costa, celebrarase unha nova “deitada” de protesta.
Estes últimos cinco anos que van desde o 2009-14, foron os máis negros para a Sanidade Pública Galega, onde o que imperou foi: recortes, copagamentos e continuas privatizacións de centros sanitarios, eliminación de postos de traballo, todo isto co obxectivo de poñer a Sanidade Pública ao servizos dos intereses dos que buscan o negocio a costa de empeorar a saúde e a calidade de vida a cidadanía.
A Xunta de Galicia de Feijóo e Mosquera, ten na súa folla de ruta DESMANTELAR A SANIDADE PÚBLICA e dedícase a privatizar servizo a servizo (tecnoloxía, plataforma loxística, esterilización) e agora co decreto de xestión clínica, pretenden que sexan as/os profesionais quen recorten as prestacións dos/as usuarios/as, constituíndo microempresas que a medio prazo poidan ser privatizadas.
Cada ano que pasa os orzamentos en sanidade redúcense drasticamente co obxectivo de reducir as prestacións sanitarias, e en contraprestación os copagamentos sanitarios incrementáronse nun 260%, supoñendo un imposto sobre a enfermidade das persoas con menos recursos.
Agora anuncian un peche de camas histórico en todos os hospitais de Galicia e fano mentres sufrimos unhas listas de espera tamén históricas que segundo a paxina Web do SERGAS son de 38.106 persoas. Dato oficial co que se pretende maquillar a realidade, dado que seguen ocultando a espera non estrutural. Podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que as cifras reais indican que o número de persoas que figuran hoxe no rexistro de espera de Galicia están por riba das 60.000 persoas inscritas; centos destes pacientes levan mais de 5 anos esperando unha intervención cirúrxica. Poderíanse aproveitar os meses de verán e empregar os quirófanos para alixeirar a lista de espera e polo contrario pechan a metade deles. Qué mellor que dispoñer de camas e quirófanos nuns meses propicios en que a diferenza do inverno non se bloquean os hospitais con doentes pneumolóxicos?
Precisamos un pacto que blinde a Sanidade Pública en contra das privatizacións, necesítanse uns/unhas gobernantes que defendan o Sistema Público, que deseñen plans de choque para rematar coas vergoñentas listas de espera, empregando todos os recursos e poñendo a funcionar de mañá e tarde os quirófanos e servizos centrais: laboratorios, raios, consultas, etc. Dotando estes servizos do persoal necesario para un funcionamento adecuado, cubrindo as xubilacións. En definitiva, creando emprego e non destruíndo este a pasos axigantados.
Até o de agora e co esforzo de todas e todos as/os profesionais do Sistema Sanitario Público contabamos cun dos mellores servizos de saúde en Galicia. Feijóo e Mosquera érguense en defensores/as da Sanidade Pública mentres participan activamente no “Lobby sanitario” SEDISA xunto coa industria farmacéutica e empresas privadas. Estes compañeiros de viaxe, son os que verdadeiramente marcan a folla de ruta da Consellería de Sanidade e da Xunta de Galicia.
Empregando linguaxe sanitaria, poderíamos afirmar que con tanto recorte a Sanidade Pública está na UCI e cun prognóstico reservado e, de levarse a cabo os novos retallamentos previstos no Plano de Estabilidade 2014-2017, xa presentado por Rajoy en Bruxelas, a gravidade desta paciente que é a Sanidade Pública empeorará drasticamente, mentres non se cambien as políticas que se están a aplicar e que afogan este País.