Site icon Crónica3.com A Mariña

Inauguradas as novas instalacións da biblioteca do CEIP Fondo Nois

Foz, 26 de maio de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, participou este luns na inauguración das novas instalacións da biblioteca do CEIP Fondo Nois, obra na que traballaron operarios do Concello.

“Quedamos tremendamente satisfeitos todos os que participamos, tanto o Concello como o equipo directivo do centro, personalizado neste caso polo seu director, Benito García, ademais da asociación de nais e pais de alumnos e as asociacións de veciños de Cangas e de Nois, que dende hai un tempo estamos traballando de forma coordinada para que se vaia mellorando ese colexio. No día de hoxe tocoulle á biblioteca, que quedou preciosa. Nesta obra participaron traballadores municipais, tanto no cambio de chan como no pintado, cambio de paramentos e lucido”, explicou o rexedor municipal, quen tamén destacou que “o equipo directivo e os profesores do centro están facendo un traballo fenomenal”.

Javier Castiñeira engadiu que esta actuación “entra dentro da dinámica de pequenas obras que se están facendo nese centro educativo” e lembrou “a dotación de cuberta para o patio, pois neste colexio non estaba cuberto e nesta zona, onde chove bastante, era necesario. Aí a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, investiu 70.000 euros nunha obra que foi moi importante e que lle deu un aspecto moi bo ao patio deste colexio. Ademais houbo outras obras no centro, como o pintado do exterior que se fixo o ano pasado e tamén arranxos no comedor”.

O alcalde rematou comentando que “estamos contentos porque entre todos se está facendo que un centro como o de Nois estea activo e dinámico; e iso é traballo de todos, pero fundamentalmente da comunidade educativa, dos profesores e do equipo directivo do centro, ao que quero felicitar”.

Exit mobile version