Burela, 20 de maio de 2014. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, acollerá dous novos cursos de informática impartidos polo Concello de Burela.
Un dos cursos será sobre Iniciación ás Follas de Cálculo 1: nesta actividade ensinaráselle aos asistentes a dar os seus primeiros pasos coas follas de cálculo empregando o Libreoffice Calc. Este curso está dirixido a persoas con coñecementos básicos de informática, internet e procesador de textos. Esta actividade terá lugar na Aula CeMIT de Burela dende o vindeiro luns, 26 de maio, ao 6 de xuño en horario de 11:00 a 12:30 horas. O prazo para matricularse remata o 23 de maio.
O outro curso que impartirá a Aula CeMIT de Burela será Internet 2 + Correo electrónico webmail para maiores: nesta actividade continuarase co curso de internet e posteriormente ensinaráselle aos asistentes a crear unha conta de correo electrónico Gmail e a manexala para enviar e recibir correos. A actividade terá lugar na Aula CeMIT de Burela, dende o 26 de maio ao 12 de xuño en horario de 10:00 a 11:00 horas. O prazo para matricularse tamén remata o 23 de maio.
Desde a Delegación de Educación de Burela lémbranlles aos usuarios que poderán facer uso libre dos equipos e da internet da aula, en horario de mañá de 12:30 a 14:00 horas e en horario de tarde de 18:30 a 19:15 horas.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.burela@xunta.es.