
A Asociación Cultural “O Castelo”, na súa teima de coidar da cultura local, organizou o sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, un acto cultural na Torre Fortaleza de Pardo de Cela, no Castro de Ouro. O acto comezou cunha charla do escritor local Lionel Rexes, que destacou os datos máis importantes da vida do escritor homenaxeado este ano, Xosé María Díaz Castro. Lionel rematou a súa conferencia recitando algúns dos poemas do autor, recitacións que se intercalaron coas pezas musicais instrumentais que interpretaron o pianista Jorge Olivera, acompañado por outros dous músicos con violín, clarinete e frauta traveseira. Acto seguido a Coral “Virxe das Dores” de Ferreira interpretou catro temas en galego. Nalgunha delas tamén soou a música de gaita, a cargo de Jorge Olivera e Manolín Álvarez. O acto resultou fermoso e emotivo. Unha vez máis hai que felicitar a “O Castelo” polo seu bo facer no eido cultural para o concello de Alfoz.