Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública pide unha resposta contundente da sociedade mariñá ante o desmantelamento executado polo SERGAS

A Mariña, 20 de maio de 2014. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña apoiará este mércores ás 20:30 no Hospital da Costa a mobilización convocada polos sindicatos sanitarios e chama á poboación mariñá a sumarse para dar unha contestación contundente ás políticas do engano e o desmantelamento da sanidade pública aplicadas polo SERGAS.

A Plataforma na Defensa da Sanidade apoiará mañá a mobilización convocada polos sindicatos sanitarios mañá mércores ás oito e media da tarde no Hospital da Costa. Para o colectivo a política sanitaria do SERGAS busca a degradación do sistema público de saúde como escusa para a súa privatización, nun proceso continuado de demolición sen precedentes dende a creación deste servizo público.

Aos peches de camas masivos deste ano, súmase o engano masivo á poboación, “cunha política de propaganda mais propia dun réxime autoritario tentando adormecer á poboación con anuncios sen concreción real que dun estado democrático”.

Sobran exemplos para dar neste sentido: O mais exemplar e recente é o anuncio da dotación de material e persoal para a segunda sala de endoscopias no Hospital da Costa que so existe no papel, o servizo de quimioterapia que nin sequera ten espazo nin dotación de equipos e persoal e debía estar funcionando desde finais de 2013, ou a mais que anunciada ampliación dun hospital que rebenta por falta de espazos e non da chegado.
Ás promesas incumpridas das que fan parte tanto o propio SERGAS como os dirixentes e alcaldes do Partido Popular na comarca, súmase o despezamento dos centros de saúde da comarca coa amortización de prazas médicas en Cervo, Xove e Ribadeo.

Para a Plataforma sobran razóns para mobilizarse na Defensa dunha sanidade pública en perigo de defunción polo que facemos un chamamento á sociedade mariñá a continuar apoiando como o fixo ate agora todas as convocatorias, veñan de onde veñan na defensa deste servizo vital para o conxunto da poboación.

Exit mobile version