Site icon Crónica3.com A Mariña

A piscina municipal de Lieiro aumentou o seu número de socios nun 9% no último ano

Cervo, 26 de maio de 2014- A piscina climatizada de Lieiro segue incrementando a cifra de socios. Nun ano, de marzo de 2013 a marzo de 2014, o número de asociados creceu un 9%, chegando aos 739 socios. Unha cifra que é só orientativa do incremento constante que se vén producindo na piscina nos últimos anos, xa que hai que ter en conta que hai moitas persoas que acceden á piscina a través de bonos ou de entradas puntuais, e mesmo a través de asociacións ou clubs, polo que o número de usuarios reais é moito maior.

Non hai que esquecer tampouco que existen un total de 145 persoas que acudiron aos cursos que organiza o Concello, e que non todos os asistentes son socios. Esta temporada a oferta incluíu cursos de iniciación e perfeccionamento para nenos e adultos, aquagim e cursos para bebés.

Clausura dos cursos infantís
Un balance que o Concello de Cervo dá a coñecer poucos días antes de que se clausure a temporada 2013-2014 cun acto para todos os nenos e nenas que participasen nos cursos infantís de natación. Un evento que terá lugar este xoves ás 17:30 na piscina de Lieiro e que comezará coa entrega das cartillas de nivel e continuará ás 18 horas con xogos na auga.
Existen seis niveis de aprendizaxe e a cada un deles correspóndelle un deseño de cartilla diferente, asimilados con animais acuáticos (cangrexo, pato, tartaruga, foca, delfín e tiburón en orde de menor a maior nivel). Neles valóranse as destrezas adquiridas e funcionan como pasaporte para subir de nivel na temporada seguinte.

Uns cursos da piscina que, tal e como lembra o edil de Deportes Luis Guillén, “forman parte da ampla oferta de actividades deportivas que poñemos en marcha dende o Concello para fomentar o exercicio e o deporte de base entre os nenos e nenas”.

Exit mobile version