Site icon Crónica3.com A Mariña

XI Encontro de Palilleiras: A arte cobra vida

Pilar Armada.- Cando un evento é capaz de sobrevivir no tempo e de crecer ano tras ano, é porque hai moitas persoas implicadas nel, moito traballo continuado, moito esforzo e, sobre todo, moita ilusión. E o Encontro de Palilleiras segue esta fórmula sen saltar nin un só requisito. O seu éxito, polo tanto, non ten ningún segredo, pero si nomes e apelidos: Os de todas as persoas que poñen algo de si mesmas para que o evento saia adiante.

Mariluz Méndez e Modesta Lombardero forman un tándem inseparable co Encontro de Palilleiras. Profesoras de encaixe, palilleiras activas e inquietas, móvense na organización deste evento como bolillos nas mans máis expertas. O seu bo facer déixase notar en cada detalle do encontro, e os datos de participación así o avalan.

Este ano batemos récords de asistencia. Máis de 800 palilleiras ofrecendo arte en estado puro. Precisamente a elas, ás palilleiras, mulleres pero tamén homes, queremos transmitirlles a nosa gratitude. Xunto coas profesoras Mariluz e Modesta, as palilleiras son a base deste encontro. Elas fan que este oficio artesanal cobre vida e converten un traballo individual nun espectáculo colectivo.

Polo tanto, dende o Concello, a nosa gratitude a todas e cada unha das palilleiras por compartir con nós a súa destreza, desexando que pasasen unha xornada agradable no XI Encontro de Palilleiras e, por suposto, convidalas a volver o ano que vén. Porque o noso obxectivo é que as verdadeiras protagonistas do evento sintan o noso calor, que saiban que valoramos a artesanía e que apoiamos a tradición de palillar para que siga sendo un activo na actualidade e no futuro.

O que está claro é que San Ciprián converteuse na capital lucense do encaixe a través do encontro que máis palilleiras reúne de toda a provincia e tamén o máis antigo. Polo tanto, un dobre obxectivo cumprido: o encontro de palilleiras consegue facer visible o traballo artesanal do encaixe pero tamén pon o foco de atención en San Ciprián e en todo o municipio. Os atractivos turísticos deste concello vense complementados por esta festa do encaixe, da creatividade e da artesanía.

Pilar Armada Carrete, edil de Igualdade do Concello de Cervo

Exit mobile version