Se nos contan fai anos que o noso equipo disputaría o Play Off polo título de Liga da Primeira División, moita xente catalogaría esta afirmación como utópica… Burela, un pequeno pobo costeiro na Mariña Lucense demostrou en numerosas ocasións o seu carácter loitador, traballador, tenaz… E si, ese día chegou. Superando duros golpes e tristezas, o Burela Pescados Rubén logrou unha histórica clasificación para os Play Off polo título na Mellor Liga do Mundo. Quedan oito equipos e o Burela Pescados Rubén será o representante galego na carreira polo título de campión. A sétima praza acadada, enfrontaranos un grande do Fútbol Sala como ElPozo Murcia que visitará Vista Alegre o 10 de maio. Imposible? Veremos, pero ese será outro capítulo.
O 25 de abril de 2014, o Burela Pescados Rubén selou en Santa Coloma unha páxina dourada da súa curta historia que nos invita a seguir soñando e gozando entre a élite nacional do Fútbol Sala.
O conxunto dirixido por Juanlu Alonso venceu por 1-2 ao Marfil Santa Coloma tras un choque de máxima intensidade e remontando o 1-0 co que se chegou ao descanso, despois dun primeiro tempo no que os bureleses desaproveitaron numerosas ocasións. Na continuación, o ritmo incrementouse e houbo intercambio de golpes pero o marcador seguía impasible cando se enfilaba a recta final.
A seis minutos para o desenlace, emerxeu a figura do capitán burelés. Juanma nunha acción individual espectacular estableceu o empate (1-1) e acto seguido Mimi conseguía a remontada (1-2). O Marfil buscou o xogo de cinco e o Burela Pescados Rubén, nun par de ocasións, rozou sentencia pero a emoción e os nervios aumentaron aínda máis co penalti sinalado en contra a 20 segundos do final. Sepe executou a pena máxima e Álex redondeou a súa actuación evitando o empate. Sen tempo para máis, o son da bocina certificou a vitoria (1-2) e permitiu o merecido xúbilo laranxa. Noraboa rapaces!!