Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación amosa a súa repulsa á violencia de xénero ao coñecerse unha nova vítima mortal na Mariña

Lugo, 25 de abril de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social, Deporte, Mocidade e Igualdade, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, a repulsa da Vicepresidencia da Deputación á violencia de xénero, ao coñecerse unha nova vítima mortal na provincia, unha muller de Foz asasinada a mans da súa parella. “No que vai de ano, a comarca da Mariña vive por segunda vez o drama da violencia machista, que se cobrou tres vidas de mulleres en menos de catro meses”, precisou Veiga.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación fixo un chamamento ás administracións e a toda a sociedade a condenar e manifestar publicamente o rexeitamento e tolerancia cero coa violencia machista, o maior síntoma de desigualdade entre mulleres e homes.

“É preciso que os poderes públicos e a sociedade en xeral manifesten rotundamente a súa condena e que a loita contra a violencia machista se converta en prioridade para os poderes públicos, desenvolvendo medidas para erradicar a discriminación contra as mulleres que, en moitas ocasións leva implícita a morte de mulleres a mans das súas parellas”, explicou o vicepresidente.

Dende a chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta de Galiza foron reducidas e eliminadas prestacións económicas destinadas ás vítimas de violencia de xénero, o que se suma a unha deficiente atención ás mulleres que queren realizar unha denuncia ao respecto. Un bo exemplo desta circunstancia é a eliminación na comisaría de Lugo do servizo especializado para estes casos, que se reinstaurou tras as iniciativas parlamentares rexistradas polo BNG e as denuncias sociais e políticas realizadas na cidade.

“Existen moitas iniciativas e medidas paralizadas que urxe recuperar porque é un deber dos poderes públicos garantir a posibilidade de autonomía persoal e o desenvolvemento dunha vida digna e sen dependencias. Deixarse de tanto recorte en materia social e sanitaria sería un bo comezo, xa que de por si constitúen un ataque aos sectores máis débiles da sociedade, as persoas máis desprotexidas, entre as que se atopan as mulleres maltratadas” – concluíu Antonio Veiga.

Exit mobile version