O rexedor contou que “no día de hoxe rematou o obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove, que no seu día solicitamos de forma conxunta os tres Concellos co obxectivo de formar a persoas desempregadas e ao mesmo tempo facer tamén unha serie de actuacións en cada un dos tres concellos”.
González Barcia sinalou que “en concreto aquí, en Burela, o que fixemos foi acondicionar dúas vivendas dos mestres do CEIP Virxe do Carme, das que estaban deshabitadas, para destinar unha delas a locais para asociacións e a outra como vivenda de emerxencia social. Estamos moi satisfeitos co traballo feito polos alumnos que nos corresponderon aquí, en Burela, e polos seus monitores, porque recuperar estas dúas vivendas vainos permitir, por un lado, ofertar aos colectivos de Burela, que hai moitos, locais para que poidan celebrar as súas reunións, pois aínda hai asociacións que non contan con local nin propio nin cedido polo Concello. E, por outra parte, efectivamente tamén é moi importante nos tempos que corren, tendo en conta as problemáticas actuais que están xurdindo, contar cunha vivenda de emerxencia social. Neste caso aínda non está completamente rematada a actuación, xa que lle faltan algunhas cuestións que esperamos solucionar nos próximos meses”.
O alcalde de Burela indicou que “estamos bastantes satisfeitos de que 22 persoas máis tres monitores e outras dúas persoas que levaron a dirección deste obradoiro, en total 27 persoas, puideran estar traballando durante seis meses e ao mesmo tempo facer actuacións importantes para os tres concellos”.
Para José Mª González Barcia “a aposta que estamos facendo é importante no sentido de axudarlles a formarse ás persoas que están en situación de desemprego e polo tanto facilitarlles unha vía de inserción laboral. E, por outra parte, os tres Concellos estamos satisfeitos de como se levou a cabo este obradoiro polo que significa de paso adiante no sentido de colaborar entre os tres Concellos, como xa estamos facendo noutras cousas, á hora de pedir subvencións e de levar a cabo actuacións que, como se ve, repercuten en beneficio de todos”.
A Xunta destinou para este obradoiro Sendas de Burela, Cervo e Xove un total de 200.000 euros.