Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira denuncia a “incompetencia” da Deputación “por non estar ao día na xestión dos seus impostos”

Cervo, 11 de abril de 2014- A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, denunciou este venres a “incompetencia” da Deputación “por levar un grande retraso na xestión dos seus propios impostos”. Así quedou en evidencia esta semana, cando o Goberno Provincial ingresou 21.000 euros en concepto de GES a catro concellos do PSOE, mentres ao Concello de Cervo, na contra de facerlle o ingreso, tiveron que compensarlle ese importe “por que a Deputación non ten as contas dos seus impostos ao día”.

Pedreira explica que o Goberno Provincial ocúpase de cobrar os impostos do Concello, como o de actividades económicas (IAE). Unha encomenda pola que a administración local ten que pagarlle á Deputación. “Como imos ter unha débeda coa Deputación se temos delegado neles o cobro de tributos? A Deputación ten nas súas mans cartos do Concello, polo tanto, é responsabilidade súa como os xestione”. Unha situación que demostra “un mal funcionamento do Servizo de Recadación”. Polo tanto, o Goberno Provincial debería “mellorar ese servizo na contra de destinar millóns de euros a propaganda e publicidade”.

Da mesma maneira, a edil lembra que a administración provincial puxo “moito interese” en destacar que no caso de Cervo tivo que compensar o pagamento do importe do GES, “pero non puxo tanto interese en aclarar cal é a situación dos outros catro concellos socialistas”. Por iso a edil pregúntalle á Deputación se o resto de concellos que recibiron cartos polo funcionamento dos GES “teñen algún tipo de débeda ou conta pendente co Goberno Provincial” porque, nese caso, “a Deputación estaría actuando de mala fe co Concello de Cervo”.

Pedreira tamén incide en que a Deputación “non explicou á opinión pública que ten retrasadas dende hai cinco anos as compensacións do IAE”. Por iso, a edil esíxelle ao Goberno Provincial que faga “de inmediato” dita compensación ao Concello, que ten pendente dende o ano 2009”.

Exit mobile version