Lugo, 11 de abril de 2014. O delegado de Cultura e Turismo e portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, anunciou, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, o seu rexeitamento á reforma xudicial que pretende implantar o Goberno central a través do Ministerio de Xustiza que actualmente dirixe Alberto Ruiz-Gallardón, e que, en palabras de Outeiro “reforza a estruturación provincial e non ten en conta as nosas particularidades sociais, territoriais, demográficas e de asentamento no territorio, máis aínda no caso galego, ao que hai que sumar o factor da dispersión poboacional”.
Coa implantación desta reforma desaparecerían todos os partidos xudiciais de ámbito inferior, que no caso de Lugo son todos agás o da capital, para concentralo en partidos xudiciais provinciais, ademais de desprazar as segundas instancias aos Tribunais Superiores de Xustiza. Neste sentido o delegado explicou que “as consecuencias reverterían nun duro golpe para as veciñas e veciños do rural, que se materializaría nun evidente alonxamento da xustiza, pois dificultaríase o seu acceso a aquelas persoas que non viven nas grandes cidades da Galiza; ao mesmo tempo que contribuiría a colapsar unha administración xa de por si desbordada”.
Con esta reforma, o Partido Popular dará un paso máis na regresión da administración de xustiza, iniciada coa implantación das taxas xudiciais, coa intención de dificultar o acceso da maioría das persoas, facendo unha xustiza cada vez máis inaccesíbel, arredándoa dunha configuración como xustiza universal, e configurándoa como unha xustiza para a grande banca, as grandes empresas e as persoas con recursos económicos.
Tal e como explicou Mario Outeiro “esta medida vén a sumarse á perda e ao afastamento dos servizos públicos da cidadanía que xa se vén sufrindo en materias como Sanidade, coa posta en funcionamento da Xerencia Única Hospitalaria, deixando, no caso da nosa provincia, con menos competencias aos hospitais das comarcas da Mariña e Sur de Lugo, ou Facenda, restándolle atribucións á Xerencia Tributaria das comarcas mencionadas”.
“Estas medidas recentralizadoras non fan senón discriminar a aquelas veciñas e veciños que non habitan nas grandes urbes, tratándoos como cidadás e cidadáns de segunda categoría; o que ademais incide de forma negativa nunha taxa de despoboamento da zona rural xa de por si elevada, e o que de seguro conlevará un impacto incuantificable para a economía a nivel local, que xa vén sufrindo innumerables ataques relativos á perda de emprego, froito da política de recorte e austeridade que veñen implantando os populares dende o Goberno de Estado e a Xunta de Galiza” – concluíu Outeiro.