Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares destacan unha sentenza que “acredita que a Deputación incumpriu as súas obrigas de conservación nunha estrada de Xove”

Lugo 10 de abril de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo fixo público hoxe que a sentenza 254/2013, de data 30 de setembro de 2013, do Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Lugo, acredita que a administración lucense de forma “clara e prolongada no tempo” desatendeu as súas obrigas de conservación da estrada C.P. 2601 de Xove a Portiño de Morás.

Os populares explican que o fallo xudicial estima a pretensión do demandante e revela, polo tanto, a responsabilidade patrimonial da Deputación Provincial de Lugo con motivo dun accidente de circulación ocorrido na estrada CP-2601, debido ao mal estado da vía. Os populares aclaran que este accidente se produciu a principios de 2011, catro anos despois de que o actual equipo da Deputación, presidido por José Ramón Gómez Besteiro, asumira as súas responsabilidades de goberno.

A sentenza 254/2013
En concreto, a sentenza estima que “concorren os presupostos e requisitos que fan surxir a responsabilidade patrimonial da Deputación Provincial de Lugo por canto, titular da estrada por onde circulaba o vehículo en cuestión, debería habela mantido nas debidas condicións de seguridade do tráfico poñendo remedio á deformación do pavimento que rexistraba a mesma, como se acredita polo informe ARENA da Garda Civil de Tráfico, xa que lle corresponde a súa vixilancia, conservación e reparación”

Deste xeito, na sentenza estímase o fallo “contra resolución do Sr. Presidente da Excma. Deputación Provincial de Lugo de data 15-9-2011, mediante a cal se desestima a reclamación formulada polo recorrente”. Así, ademais de que a Deputación debe indemnizar ao recurrente, o fallo tamén recolle “a imposición de costas á Administración demandada”.

A sentenza corrobora as críticas dos populares
A decisión xudicial corrobora as reiteradas críticas vertidas polos populares, que de forma constante se fixeron eco das reivindicacións dos alcaldes da provincia, trasladándose en múltiples ocasións ante a administración provincial por parte do Grupo Provincial do Partido Popular.

Que a Deputación Provincial de Lugo se convertese na que conserva en peor estado as estradas da súa titularidade, segundo explican dende o GPP, non vén motivado pola falta de orzamento. Dende o 2007 manxeron máis de 126 millóns de euros tanto para novas infraestruturas como para reparacións.

Así, os populares consideran evidente que se está ante unha falta de vontade ou mal emprego do diñeiro dos lucenses. “O que está claro é que se trata dunha xestón improdutiva”, matizaron dende o GPP, e probablemente, cunha pretensión de priorizar obras de repercusión mediática, esquecéndose das labores mínimas de conservación.

Actitude partidista
Os populares veñen de ter acceso onte á sentenza 254/2013 do 30 de setembro de 2013 , a pesar de ter solicitado o seu acceso dende o 3 de xaneiro, ao darse conta na Xunta de Goberno desta mesma data

Os populares matizan que a sentenza se refire a unha vía que trascorre por un municipio do PP. Dende o GPP en reiteradas ocasións denunciaron “o sectarismo político de Besteiro á hora de priorizar os acometidos nas estradas”.

Neste senso, os populares reivindican que o plan que se vén de aprobar “garanta os principios de transparencia e de non discriminación; guiándose polos verdadeiros criterios de necesidade”.

Exit mobile version