Site icon Crónica3.com A Mariña

Os incendios supoñen máis do 40% das emerxencias atendidas polos bombeiros da zona norte no que vai de ano

bombeiros-incendiosOs parques de bombeiros de Barreiros, Vilalba e Viveiro atenderon un total de 114 incidencias no primeiro trimestre do 2014, das cales 46 -o 40,3% do total-, foron incendios ben en edificios, vehículos ou lumes forestais. Este tipo de incidencias está seguido, aínda que a boa distancia, por 6 rescates e excarceracións de persoas.

En canto á distribución temporal, febreiro foi o mes no que se rexistrou o maior número de incidencias atendidas polos profesionais destes tres parques, un total de 54, seguido de xaneiro, con 36, e marzo, con 24. Estas 114 incidencias supoñen un 27% por cento máis das atendidas nos tres primeiros meses de 2013, no que se atenderon 83, e un 20,2% máis que no 2012 (91).

Os datos por parques son os seguintes: Barreiros levou a cabo o maior número de intevencións no que vai de ano, 52, das cales 14 producíronse no Concello de Ribadeo; 13 no de Foz; 10 no de Burela; 9 en Barreiros; 2 no Concello de Lourenzá, e 1 nos Concellos de Mondoñedo, Trabada, Riotorto, ás que hai que sumar unha á que acudiron malia non ser a súa zona da actuación. Tras o de Barreiros, é Vilalba o parque con máis actuacións. As 33 incidencias atendidas rexistráronse nos Concellos de Vilalba (13); 3 nos Concellos da Pastoriza; Begonte; Guitiriz; Outeiro de Rei, e Xermade. As restantes 5 actuacións producíronse en Concellos fóra da súa zona. Finalmente, o complexo de Viveiro rexistrou 29 incidencias, 24 das cales foron no propio Concello; 3 no de Xove e 2 no de Cervo.

Segundo os informes elaborados polos profesionais destes Parques, as horas nas que rexistran un maior número de incidencias, son as comprendidas entre as 10:00 e as 12:00 horas e as 16:00 e as 19:00 horas en días laborables.

Próximas actividades dos Parques
Ademais de atender as emerxencias, os profesionais do Consorcio Provincial de Bombeiros manteñen unha intensa axenda de actividades didácticas para colexios de toda a provincia, ben nos propios centros educativos, ben nalgún dos 6 complexos integrados na entidade, así como para outros colectivos.

A través de visitas, demostracións e simulacros, lucenses de todas as idades poden coñecer da man dos profesionais que traballan nos parques a transcendental labor e modo de funcionamento deste servizo, os medios técnicos e humanos dos que dispoñen, así como pautas de conduta básicas ante posibles emerxencias que poidan ocorrer.

Este tipo de actividades do Consorcio Provincial continúarán coa realización dun simulacro de evacuación por incendio no IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria, o día 24 de abril, que levarán a cabo os profesionais do parque situado na localidade. Estes serán tamén os encargados de recibir ós alumnos da Escola de Educación Infantil de Sarria o día 30 deste mesmo mes, para que estes poidan coñecer de primeira man o funcionamento dun servizo de emerxencias. Pola súa banda, os bombeiros do complexo de Chantada tamén levarán a cabo un simulacro de incendio nas instalacións de Asistencia Integral Personalizada, S.L., de Bóveda, o vindeiro 7 de maio.

Tanto os centros educativos -ben a través da dirección ou da Asociación de Nais e Pais (ANPA)-, como outros colectivos da provincia poden solicitar a participación neste tipo de actividades poñéndose en contacto co parque de bombeiros radicado na súa localidade ou co máis próximo á mesma.

Exit mobile version