Dende o PSdeG-PSOE de Burela queremos criticar o uso partidista que claramente fai o Partido Popular de Burela do persoal do Concello. Vimos detectando, e varios veciños e veciñas así no lo fixeron chegar, a persoal do GRUMIR de Burela repartindo propaganda do Partido Popular polos establecementos do pobo, o que demostra, unha vez máis, o uso partidista, caciquil e sectario que fai o Partido Popular de Burela do Concello e dos seus traballadores.
Isto que criticamos non fai máis que corroborar a clase de política que fai o Partido Popular de Burela, onde a política do favor e clientelar que practicou toda a vida está máis vixente ca nunca e que fai que se poidan poñer en dúbida moitas cousas que se fan dende este equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela.
O Partido Popular de Burela está a vender os postos de traballo no Concello a cambio de traballar pola “causa”. Estes xeitos de facer política teñen que desaparecer dunha vez por todas da vida política, xa que os veciños e veciñas o están a pedir a berros.
Dentro de moi poucos días, nas eleccións europeas, poderase comprobar facilmente que isto que nos estamos a criticar é así. E non facerá falla máis que darse unha volta polos colexios electorais para darlle unha ollada ós interventores do Partido Popular e ver cantos deles teñen unha vinculación laboral có Concello ou con algunha das empresas que traballan para o mesmo. Calquera veciño que teña interés poderá comprobar que isto que denunciamos é unha realidade.