Mondoñedo, 16 de abril de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo amosouse este mércores crítico con que o equipo de goberno da localidade manteña pechadas ao público durante a Semana Santa as Covas do Rei Cintolo, pese a contar con dispoñibilidade orzamentaria.
Os populares reproban que durante unha das épocas anuais de maior demanda turística, o alcalde da localidade, o nacionalista Orlando González, decidise non abrir ao público un dos principais reclamos para o municipio.
“Trátase dunha reprochable decisión froito, posiblemente, da falta de traballo e do desinterese do equipo de goberno local e que repercutirá de forma directa e moi negativa tanto na economía municipal, como na do sector hostaleiro da localidade”, lamentan.
A maiores, os populares engaden que a falta de planificación é apreciable, xa que ás persoas interesadas en visitar a cova pídeselles chamar en maio xa que, hoxe en día, nin tan sequera está prevista unha data de apertura.
Deste xeito, dende o PP aseguran non entender, o que cualifican “como unha falta de compromiso con Mondoñedo” e máis ao ter en conta que esta circunstancia no se deriva “nin da falta de financiamento, nin de axudas económicas”.
Dispoñibilidade orzamentaria
“De nada serve dispoñer de fondos económicos, e realizar inversións, se non se traballa de xeito coordinado e se non se xestionan de forma óptima os recursos”, explicaron os populares.
Os populares aseguran que cando se está a falar dunha contía económica de 77.500 euros dirixida a colaborar no financiamento das actividades enmarcadas dentro Plan de Dinamización Turística Local , dos que están fiscalizados máis de 20.000 euros; “non se pode entender que no se vexan resultados positivos”.
Axudas concretas para a cova
Os populares explican que dentro da contía da que dispón o municipio para a dinamización turística, enmárcanse tamén 29.000 euros dirixidos ao deseño do Plan Estratéxico para a cova e para persoal. Polo tanto, o peche das covas nesta época é unha mostra máis da falta de planificación do equipo de goberno que “pese a dispoñer de diñeiro, non vemos os resultados do seu investimento”.
O equipo de goberno renunciou a un proxecto para a cova
Os populares lamentan que pese as contías económicas que o actual equipo de goberno destina ao turismo, a situación “estea igual ou peor despois de oito anos de goberno bipartito”.
Dende o Partido Popular reproban que o máximo que fixo o PSOE e o BNG pola dinamización das Covas do Rei Cintolo foi “a perda imperdonable dun proxecto económico, provinte da época do PP, de gran calado e que poñería en valor o potencial turístico da cova e que o bipartito rexeitou executar”.
Os populares conclúen que “a pesar de gastar, non hai éxito na xestión de Orlando González, nin un programa ambicioso que dea resultados positivos”.