Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Burela abstívose porque “non pode ser partícipe dun PXOM que non beneficia á totalidade da veciñanza”

Dende o PSdeG-PSOE de Burela vémonos obrigados unha vez máis a saír ó paso das mentiras e das declaracións fora de lugar do Sr. Barcia con respecto ó PXOM e o acceso ó porto.

En primeiro lugar, con respecto ó acceso ó porto temos que recordarlle ó Sr. Barcia que nos presupostos da Xunta de Galicia do ano 2013 xa aparecía unha partida presupostaria de 250.000 euros para as obras de acceso ó porto dos que non hai ningún tipo de nova, non se executaron. Que neste ano 2014 aparece unha partida sobre 800.000 euros, pero os feitos demostran que a Xunta de Galicia do Partido Popular non é de fiar. Aparte disto eses 800.000 euros son máis ou menos un 11% do total do proxecto, ¿cando pensan rematar o acceso ó porto con estas partidas presupostarias?.

Con respecto as inversións da Deputación en Burela, parece que o Sr. Barcia padece algún tipo de demencia, xa que se esquece do millón de euros que invirteu esta institución en Burela nada máis entrar no goberno o Partido Popular. Ademais disto, o equipo de “desgoberno” de Burela rexeitou as subvencións da Deputación cando se lle ofreceron (Plan de aforro enerxético, certificacións ISO 14001 das praias, etc…), e as que si aceptaron usáronas para arranxar e privatizar a rúa do chalé do Concelleiro de Obras, Sr. Valle.

Con respecto ó PXOM, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Burela non votou en contra do PXOM, senón que se abstivo, porque entende que non pode ser partícipe dun PXOM que non beneficia á totalidade dos veciños e veciñas de Burela, senón que beneficia a uns poucos, moi vinculados ó Partido Popular.
O PSdeG-PSOE de Burela non quere ser cómplice das cacicadas e favores do Partido Popular de Burela. Minte descaradamente cando di que o PSdeG-PSOE de Burela non quere a ampliación do Hospital, temos que dicirlle ó Sr. Barcia que o movemento se demostra andando, e o PSdeG-PSOE de Burela estivo defendendo o Hospital nas rúas cós veciños e veciñas de Burela, cousa que nunca fixo o Sr. Barcia nin o seu equipo de “desgoberno”.

Dende o PSdeG-PSOE de Burela vemos a un “ultra” en lugar de a un alcalde no Sr. Barcia, nótaselle o nerviosismo que lle provoca a revolución que ten dentro do seu propio partido político onde moitos dos seus seguidores non están moi a favor da xestión do equipo de “desgoberno” e teñen unha revolución interna que parece que o descentra.

Comisión Executiva PSdeG-PSOE Burela

Exit mobile version