Cervo, 4 de abril de 2014- Os accesos ao polígono industrial de Cuíña son “imprescindibles para o crecemento económico do municipio, para o desenvolvemento empresarial do polígono e para a creación de emprego”. Así defendeu hoxe o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a necesidade de que a Deputación execute as obras de construción dos accesos ao polígono.
O rexedor achegouse este xoves ata a rotonda de Espiñerido xunto á edil Begoña Alonso. Unha glorieta que fora proxectada polo anterior goberno da Deputación e polo Ministerio de Fomento como o punto de enlace da estrada N-642 co polígono. Da mesma maneira, a Deputación do PP tamén executara as expropiacións de boa parte dos terreos, explanara uns 330 metros de estrada e construíra unha ponte sobre a vía do tren. Polo tanto, falta que o Goberno Provincial finalice os treitos pendentes.
Villares lembra que a Deputación ten “paralizado este proxecto dende hai sete anos” mentres o Concello segue enviando escritos pedíndolle que acometa estas obras de competencia provincial. En total, a administración local enviou á Deputación máis dunha ducia de solicitudes, a última, con data de 1 de abril de 2014.
O mandatario cervense lembra ademais as respostas dadas polo ente provincial ao Concello ante estas solicitudes. Un dos exemplos é o texto recibido en setembro de 2013 no que a Deputación asegura, literalmente, que “as restriccións presupostarias ás que nos vemos acometidos fan que, dun xeito inmediato, non sexa posible continuar coa obra”.
Neste sentido, o primeiro edil lamenta que o Goberno Provincial “non considere prioritaria a creación de emprego nin o desenvolvemento económico e empresarial do municipio”. Cabe lembrar que, na actualidade, a entrada ao parque empresarial realízase a través do núcleo de San Ciprián, polo que os camións de grande tonelaxe vense obrigados a transitar por vías urbanas.
Bonificacións para as empresas
O Concello aprobou no ano 2011 unha serie de medidas para incentivar o asentamento empresarial no polígono de Cuíña. Por unha banda, incluíu bonificacións de ata o 95% no pagamento do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Da mesma maneira, o Concello tamén modificou a taxa de licenza de apertura con bonificacións de entre o 50 e o 75%.
Desta maneira, “o Concello traballou dende o seu ámbito de competencia para atraer a empresas, abaratando o seu asentamento e apoiando a súa actividade”. Pero “para que as nosas medidas sexan efectivas fai falta que a Deputación cumpra coa súa parte”.