Cervo, 3 de abril de 2014-O Concello de Cervo informa de que a incidencia rexistrada na rede de pluviais de San Cibrao está solucionada dende as 8 da mañá deste xoves. Cabe destacar que o Concello recibiu onte pola tarde, sobre as 19 horas, un aviso dos medios de comunicación polo cal algún veciño alertara de malos cheiros a peixe.
Nese momento, responsables municipais, entre eles o alcalde, achegáronse ata a zona para coñecer a situación e detectar a orixe do problema, que se atopaba na rede de pluviais. En concreto, os técnicos do Concello atoparon un atasco puntual na canalización, entre o polígono de Cuíña e a zona da Veiga, con diverso material como botellas, plásticos ou porexpán. Dende entón, traballaron para limpar a rede, que volveu funcionar con normalidade sobre as 8 da mañá de hoxe.
Dende o Concello, a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, lamentou non ter coñecemento desta situación ata o día de onte, a pesar de que segundo parece, algún veciño xa detectara a incidencia dende hai polo menos unha semana. A edil quixo aproveitar para pedirlles aos veciños que “cuando exista cualquier problema se pongan en contacto con el Concello para poder actuar de la forma máis inmediata posible”.
Da mesma maneira o Concello agarda poder esclarecer como chegaron eses residuos sólidos ata unha canalización de saneamento.