Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello conciencia sobre a protección do medio ambiente a través do IV Concurso fotográfico “Cervo Respecta”

cervo_respectaCervo, 17 de abril de 2014- O Concurso fotográfico de Medio Ambiente “Cervo Respecta” chega este ano á súa cuarta edición. Un certame convocado co obxectivo de poñer en valor o noso contorno natural e concienciar á poboación da importancia de coidar e protexer o medio ambiente. Por iso, as fotografías que se poden presentar a este concurso deben ser imaxes dunha natureza viva e ben conservada, que sirva de mostra do estado ideal do noso medio.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, presentaron este xoves o cartel e as bases do certame, que se manteñen invariables con respecto á edición anterior. Desta maneira, cada autor poderá presentar un máximo de tres fotografías, que terán que cumprir uns requisitos, como son ser orixinais e inéditas, así como tomadas en calquera lugar de Galicia. Poderán captarse tanto paraxes ou espazos naturais como unha escena concreta da natureza.

En canto ás esixencias técnicas, as fotografías deberán presentarse en formato dixital, nun CD e en alta calidade a unha resolución mínima de 2048 pixeis. As fotografías presentaranse ou enviaranse nun sobre pechado co título IV Concurso Fotográfico de Medio Ambiente “Cervo Respecta” no que se incluirá a ficha de autoría e o CD coas imaxes. En canto á ficha, poderase solicitar na Casa do Concello, na Casa da Cultura ou no correo electrónico medioambiente@concellodecervo.com

Participa
As persoas que desexen participar poderán facer chegar as súas fotografías a través de diferentes vías. Por unha banda, de forma presencial, entregando a documentación mencionada e as imaxes na Casa da Cultura ou na Casa do Concello. Ademais cabe a posibilidade de envialas por correo ordinario ou mensaxería ás seguintes direccións (terase en conta a data do selo expedido na oficina): Casa do Concello (Praza do Concello s/n 27891 Cervo) ou na Casa da Cultura (Avda. da Mariña, nº 60. 27890 San Ciprián).

Premios
Un concurso que ten previstos varios premios por categorías. Na de adultos (maiores de 18 anos), o primeiro premio será unha figura de cerámica de Sargadelos e un vale de 100 euros para gastar en establecementos do municipio, mentres o segundo levará tamén unha figura de Sargadelos e un vale por importe de 50 euros.

No caso da categoría xuvenil (menores de 18 anos), o primeiro premio inclúe un detalle e un vale de 100 euros en material deportivo mentres que o segundo é un detalle e un vale de 50 euros en material deportivo. En ambas categorías inclúese tamén un recoñecemento especial, o Top Cervo, no que se premiará a mellor fotografía medioambiental tomada en Cervo. Para iso, na instantánea terá que identificarse claramente que se trata dunha paraxe do municipio. Tanto no Top Cervo adultos como no xuvenil, o premio será un vale de 50 euros para gastar en establecementos do concello.

Calendario
O prazo para entregar ou enviar os traballos rematará o 15 de maio. O 2 de xuño daráse a coñecer o fallo do xurado, composto por persoas con coñecementos na materia. A entrega dos premios será o 5 de xuño, no Centro Cultural e de Servizos á Cidadanía de Cervo, anexo ao Concello, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.

A edil Begoña Alonso lembrou que, ao remate do concurso, todas as fotografías participantes amósanse nunha exposición que se pode ver en Cervo primeiro e despois en San Ciprián co obxectivo de que “vecinos y visitantes puedan disfrutar de nuestra naturaleza y nuestro medio ambiente a través de las fotografías” e, ao mesmo tempo, “concienciar de la importancia de cuidar y proteger nuestra riqueza verde”.

Exit mobile version