“Son puntos cos que non contas a priori, pero se conseguimos algo positivo será un pulo moi importante nesta recta final para as nosas aspiracións” adiantaba Juanlu, incidindo na xa clásica boa reacción do Burela FS Pescados Rubén ante os grandes: “Afrontamos cada partido coa esixencia de gañar; sabemos que Inter é o peor rival posible, pero hai unha posibilidade e temos que espremela” aseguraba o técnico burelista, facendo referencia ao empate desta tempada con FC Barcelona Alusport (2-2) e á vitoria na casa de ElPozo Murcia (4-5).
Desde a oitava praza, con 36 puntos, o cadro mariñán atópase inmerso na loita por coarse entre os oito privilexiados de play off, con catro prazas para cinco candidatos. Empatado co Burela FS está o Santiago Futsal, que se mide esta fin de semana a Peñíscola, undécimo; Xota, con 37, visita a Marfil Santa Coloma, cuarto; Ríos Renovables, con 39, recibe a Barcelona, segundo; e axexando os laranxas, Montesinos Jumilla FS, con 35, xoga na casa ante Zaragoza, penúltimo.
Juanlu poderá dispoñer do vestiario ao completo para a cita, co novísimo Carlitos; Iago Míguez, con molestias nun pé desde a semana pasada, non poderá estar ao cento por cento. A convocatoria de Inter Movistar estará configurada por Luis Amado, Tobe, Murga, Pola, Rivillos, Ricardinho, Bateria, Borja, Rafael, Nano, Cardinal, Rubén Orzáez, Ortiz e Herrero.
*Foto: A Caixa Escura Produccións