Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá explicacións ao Partido Popular no Parlamento sobre as baixadas no prezo do leite

A Mariña, 16 de abril de 2014. O BNG da Mariña cualifica de vergoñenta a rolda de prensa que o Partido Popular ofreceu o pasado luns en Ribadeo. “Mentres estes señores e señora están vendendo cifras aos medios de comunicación, as gandeiras e gandeiros desta comarca están sufrindo novas baixadas no prezo do leite por parte das empresas que llelo recollen. “Deberían os representantes do PP deixar as cifras para outros momentos e vivir a realidade das nosas explotacións”, sinala a responsábel comarcal Ana Ermida.

“Parécenos unha auténtica vergoña que o Partido Popular veña vender uns resultados como positivos, atribuíndose méritos, cando a realidade é que novamente está baixando o prezo que se lle paga aos produtores de leite”, aseguran desde o BNG. “Se de verdade están preocupados polo sector, o que teñen que facer é ocuparse de garantir un prezo digno e non só de botarse flores cando hai prezos decentes e agocharse cando as cousas van mal.” Neste sentido, os nacionalistas interpelarán aos populares no Parlamento galego para que garantan os prezos e non permitan que a industria volva a impoñer prezos á baixa que poderían volver a supor perdas para as gandeirías. “Se tanto mérito teñen para vir vender os prezos que se estiveron pagando ata agora, tamén terán responsabilidade agora que os prezos comezan a baixar. Por iso queremos que o Partido Popular dea a cara e se responsabilice, garantindo uns prezos que permitan vivir dignamente ás nosas explotacións”, continúa a responsábel nacionalista.

Ademais, a formación nacionalista lamenta que o Partido Popular non defendera en Europa os intereses das gandeiras e gandeiros galegos, apoiando unha reforma da PAC que supón a desaparición das cotas no ano 2015 sen ningún tipo de sistema de adaptación co que evitar as perdas que isto pode supor ás gandeirías galegas, tendo en conta os importantes desembolsos que os gandeiros tiveron que facer para adquirir cota para poder producir. “A única formación galega que defendeu a creación dun fondo de compensación lácteo de adaptación pola supresión das cotas, evitando perdas para as nosas gandeirías, foi o BNG por medio da súa eurodeputada Ana Miranda. Se ben é certo que non nos sorprende esta actitude do PP, cando o seu candidato, o señor Cañete, é claro representante dos terratenentes españois, cuxos intereses son claramente contrapostos aos das explotacións galegas”, aseguran os nacionalistas.

Para tratar estas e outras cuestións, o BNG está preparando un encontro do sector coa eurodeputada e candidata ao Parlamento Europeo, Ana Miranda; que se celebrará a finais deste mes.

Exit mobile version