Barreiros, 11 de abril de 2014. Baixo o nome “Conversas co BNG. Muller: sostendo do rural”, o BNG de Barreiros organiza unha xornada para falar da situación das mulleres no rural galego. Para isto, os nacionalistas contarán con mulleres de Barreiros que traballan en distintos ámbitos e que, nun formato de encontro-café, falarán sobre a súa experiencia e vivencias como mulleres residentes nun concello rural.
No encontro tocaranse temas tan diversos como a sanidade, coa traballadora do Hospital da Costa, Montse Porteiro; o ensino, contando coa participación da mestra de educación primaria Mar Barrera e da traballadora do programa Educando en Familia, Encarna Santos; os servizos sociais, coa psicóloga Carmen Iglesias, traballadora con nenas e nenos con discapacidade; o traballo nas explotacións agrarias, sobre o que falará, entre outras, Ana Rodríguez ou a traballadora por conta allea, Maite Rego. O acto estará conducido pola socióloga barreirense Tamara Rubiños, que introducirá os distintos temas e propiciará as intervencións e intercambio de opinións entre as persoas asistentes.
Ademais, no acto proxectarase o documental presentado recentemente en Allariz “Polas bravas”, que conta cos testemuños de seis mulleres galegas que viven no e do rural.
Desde o BNG en Barreiros explican que o que pretenden con esta actividade “é poñer o foco de atención na situación pola que están a pasar as mulleres, o rural e as mulleres no rural. É obvio o papel central que as mulleres xogan no noso País e como, na situación actual, se converten en sustento principal da actividade, especialmente en concellos coma o noso. E todo isto, continúan desde o BNG, a pesares de estar soportando continuos ataques nunha dupla dirección: como mulleres e como habitantes do rural.”
“Cremos que é un acto de xustiza recoñecer o papel das mulleres como motor do rural e queremos darlles o protagonismo que merecen. Por iso, o formato do acto pretende que sexan elas mesmas as que se erixan como protagonistas, falando en confianza, distendidamente do día a día e das situacións que teñen que afrontar nos seus ámbitos de traballo”, conclúen desde a formación nacionalista.