Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera “papel mollado” os compromisos do PP “mentres non vexamos o servizo de oncoloxía en funcionamento”

A Mariña, 5 de abril de 2014. O parlamentario nacionalista por Lugo, Cosme Pombo, defende hoxe na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego a posta en marcha do servizo de quimioterapia comprometido pola Consellaría de Sanidade no Hospital da Costa. A formación nacionalista afirma que os compromisos de dirixentes do Partido Popular son papel mollado mentres non se verifique a súa posta en funcionamento, que xa fora anunciado por altos cargos do SERGAS para o ano 2013. Dende o BNG aseguran que as promesas do parlamentario popular, José Manuel Balseiro, para o inicio de obras no Hospital da Costa son electoralistas e enganosas xa que estas actuacións, de levarse a cabo non garanten o servizo. O Hospital de Día Oncolóxico require actuacións de gran calado na farmacia hospitalaria, espazos e equipamentos para atención das persoas doentes e persoal específico coa creación de prazas que permitan unha atención continuada, mañá e tarde. Non sería admisíbel o cambio de funcións de persoal xa existente porque “non estamos para espir un santo para vestir outro”.

O Partido Popular terá que posicionarse hoxe na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego sobre a Proposición Non de Lei do BNG na que se demandan “as xestións necesarias para a posta en funcionamento do servizo de quimioterapia no Hospital da Costa”. Para o BNG non resulta esperanzador que o propio PP presente unha emenda ante esta iniciativa coa que pretende substituír o mandato expreso do Parlamento á Xunta para poñer a funcionar o servizo por outro no que simplemente se pide “que o servizo se poña en marcha no lugar mais próximo ao domicilio das e dos mariñáns”.

A creación dun Hospital de Día Oncolóxico non pode estar sometido ao arbitrio da improvisación, advirten que si a intención do PP é amortizar prazas nun sitio para cubrir outras como sucede coa Hospitalización a domicilio(HADO), non estamos en disposición de consentilo. Neste sentido indican que coa creación do servizo de quimioterapia na comarca débese dar un servizo que evite na medida do posíbel desprazamentos traumáticos aos doentes, nesta liña será obrigada a dotación de equipamentos e espazos de atención, actuacións de gran calado na farmacia hospitalaria e dotación de prazas novas de persoal sanitario que en horario de mañá e tarde atendan o servizo, non sería aceptábel espir un santo para vestir outro como sucede co HADO.

O BNG non ten ningunha confianza nos compromisos do Partido Popular, non hai mais que lembrar as múltiples promesas feitas por dirixentes do SERGAS e do PP arredor da asistencia sanitaria na comarca: empezando polas falsas melloras prometidas para achegar a sanidade ao aprobar a xestión integrada provincial, melloras na asistencia primaria, ampliación do Hospital ou incremento da carteira de servizos hospitalarios en Burela que na realidade son papel mollado como comproban e denuncian diariamente tanto usuarios como profesionais sanitarios da Mariña.

A formación nacionalista pide ao Partido Popular, e especialmente ao parlamentario, José Manuel Balseiro, que deixe de mentir á cidadanía e si realmente apostan por atender as demandas de usuarios e profesionais sanitarios da comarca, cree unha área de xestión integrada propia para a comarca, anule as amortizacións de prazas médicas nos centros de saúde da comarca, dote economicamente a ampliación do Hospital da Costa e atenda as demandas dos profesionais sanitarios que a semana pasada se manifestaban, e esta reclaman solucións ás avultadas listas de agarda das resonancias magnéticas.

Exit mobile version