Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo agarda que o presidente da Xunta “pase das palabras ós feitos para conservar As Catedrais”

Ribadeo, 25 de abril de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, fai unha valoración positiva das manifestacións realizadas nas últimas horas polo presidente galego, Alberto Núñez Feijoo, nas que este recoñecía ter recibido unha carta do rexedor sobre a praia das Catedrais e nas que prometía protección para o areal ribadense. Suárez Barcia agarda que se pase das palabras aos feitos para lograr conservar este patrimonio natural nas mellores condicións posibles.

O rexedor referíase esta mañá “ás declaracións que o presidente galego fixo onte ao saír do Consello semanal da Xunta sobre As Catedrais recoñecendo que recibira a carta que lle mandamos desde aquí e estando disposto a dialogar e a estudar as posibilidades de conservación deste areal. Non me queda máis que valoralo positivamente, pero agardando que se pase das palabras aos feitos”.

Fernando Suárez dixo que “de palabras estamos tamén un pouco cansos. Aquí o que fai falla é sentarse a dialogar. A min non me importa que sexa no salón de plenos do Concello de Ribadeo ou na mesa de San Caetano, onde diga o presidente da Xunta. O que está claro é que temos que sentarnos a dialogar todas as administracións implicadas nesta situación: o Ministerio de Medio Ambiente, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Ribadeo. E sobre os parámetros de diálogo e de coordinación para que logremos entre todos conservar esta riqueza, este patrimonio natural que temos a fortuna de ter aquí en Ribadeo, e esta riqueza económica para o turismo en Ribadeo e por extensión a toda a comarca da Mariña”.

O alcalde rematou sinalando que “agardaremos á chamada para sentarnos todos e para pasar das palabras aos feitos”.

Exit mobile version