Site icon Crónica3.com A Mariña

Lorena Seivane García, nova responsable local do BNG de Foz

Esta semana o BNG de Foz celebrou unha Asamblea na que foi elixida como Responsable Local da Fronte Nacionalista Lorena Seivane García. Nesta asamblea escolléronse tamén aos demais membros do Consello Local, que fica formado polas seguintes persoas: Moncho Pena, Gonzalo Villarmea, María Xosé Fernández, Paco Teixeiro, Benito García Bolaño, Xosé Manuel Peña e o portavoz municipal Xan Carlos González Basanta.

A nova responsable, xunto co novo Consello Local, trae consigo a renovación pero que non rompe coa idea de que un Foz mellor é posible. Unha renovación que se fará de “dentro hacia fóra, que suporá a modernización da organización e velará por un Foz real, con servizos municipais de calidade, do que non haxa que marchar para traballar, atractivo e limpo.”

Desde xa o novo equipo, ponse a traballar para colocar a Foz no lugar que lle corresponde, xa que son conscientes –e lamentan moito- que o Concello fose quedando atrás con respecto doutros concellos da Mariña, a pesar de que foi pioneiro en moitos aspectos.

Segundo a nova Responsable Local, Lorena Seivane, “é un reto difícil, mais non imposible; porque cremos en Foz e nós medramos na adversidade e non dubidamos que un Foz que pense nos veciños e veciñas é posible. No Concello hai futuro e loitaremos por el con esforzo.”

Lorena é clara á hora de definir o que ten por diante: “traballar polo BNG e traballar por Foz”.

Exit mobile version