O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este venres na homenaxe a Melchor Roel, “unha das persoas máis comprometidas e auténticas que coñecín na miña vida”. Gómez Besteiro agradeceu a CC.OO a invitación a este acto, onde expresou o que “significa para min Melchor. E digo significa, e non digo significou, porque aínda creo que vai entrar por esa porta dicindo aquelo de “xefe”, cando todos sabemos que o espírito libre de Melchor era imposible que tivese un xefatura, e porque ninguén morre cando alguén o recorda”.
“Melchor era grande, tan grande que nos deixou a todos co corazón pequeno. Amigo, confidente, compañeiro, estouche eternamente agradecido porque contigo aprendín en Sudamérica o que supón para os galegos a amputación da emigración; porque contigo puiden comprobar como a condición de supervivinte, da que sempre fixeches gala, era contaxiosa, tanto como o activismo que sempre practicaches”.
“Aínda lembrou cando, cun fío de voz e sen a túa melena, quixeches volver a acompañarme nas primarias socialistas, imposible esquecer as túas bágoas cando me nomearon Secretario Xeral. Querido amigo, estouche eternamente agradecido, infinitamente agradecido, porque sempre confiaches en min. Porque sempre confiaches en Viveiro e porque sempre confiaches en facer un Lugo mellor. Porque nunca che deron medo os obstáculos nin as causas perdidas: o laico que fixo de Viveiro a mellor semana santa; o Alcalde que conxugou a tranquilidade de Viveiro co epicentro europeo da música heavy; o galego de corazón urugaio, ¿ou era ó revés…?”
“Amigo, gracias por ensinarme o que é ser rebelde con causa. Porque ti o eras, pero o mellor é que sempre conseguías que nos sumásemos a ela”.