Lugo, 8 de abril de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou este martes a I Copa Deputación de Baloncesto de Base, que se celebrará esta fin de semana, os días 12 e 12 de abril, nas instalacións do Pazo dos Deportes de Lugo e pavillóns anexos.
Nesta primeira edición participan un total de 50 equipos, dos 76 que hai en toda a provincia, xa que non compite a categoría júnior, da que forman parte 10 clubs entre masculinos e femininos, o que indica unha participación do 90%. “Un éxito de participación tendo en conta que é a primeira vez que se celebra esta competición, na que se darán cabida máis de 600 xogadores pertencentes a 7 categorías diferentes, que van dende preminibasket até cadetes, tanto en masculino coma en feminino” – explicou Veiga
Os equipos que participan veñen de tódolos puntos da provincia: Ribadeo, Foz, Viveiro, Burela, Mondoñedo, Lourenzá, Sarria e Monforte, ademáis de Lugo, e celebraranse preto de 80 encontros en ámbolos dous días que dura a competición
O día 12 será o turno para os máis cativos, tempo para o minibasket con 7 canchas de xogo en horario ininterrumpido de 10:30 a 19:30 horas. Cada equipo disputará un mínimo de 3 encontros divididos por grupos para determinar o campión alá polas 19 horas.
Xa o día 13 tempo para infantís e cadetes tanto masculinos coma femininos nun horario similar ao día anterior. Neste caso son 4 as canchas de xogo onde se disputarán os encontros.
Asemade, Veiga sinalou que “todos os gastos tanto de desprazamentos coma de comida para os equipos chegados dende fóra de Lugo corren por conta da Deputación de Lugo. Tódolos participantes recibirán tamén unha camiseta conmemorativa desta primeira edición da Copa”.