Site icon Crónica3.com A Mariña

En funcionamento o camiño peonil entre Cervo e a residencia da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña

Cervo, 25 de abril de 2014- O Concello informa de que xa se pode utilizar o camiño que une a residencia da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña co núcleo de Cervo. Unha vía que non se utilizaba e que a administración local recuperou e acondicionou a través do Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal 2013, que financia a Xunta de Galicia.

En concreto, mellorouse o coñecido como camiño vello, coa aglomeración dos 230 metros da vía, que será de uso exclusivo para peóns. Ademais, para indicar ese carácter peonil, vanse colocar sinais de prohibición para os vehículos así como elementos que impidan a súa entrada. Cabe destacar que para o tráfico rodado xa existe unha estrada en perfecto estado que permite o acceso á residencia dende Cervo, polo que a necesidade na actualidade era ofrecer un paso alternativo para os peóns, pensando especialmente nos usuarios do centro.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a presidenta da asociación, Iris Castro e o arquitecto municipal comprobaron hoxe que as obras están rematadas, polo que o camiño xa se pode utilizar. Foron precisamente os representantes da entidade os que lle transmitiron ao Concello a necesidade de contar con esta vía. “Para nós é prioritario colaborar con asociacións e iniciativas que benefician á comunidade, como é o caso da asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, que fai un labor encomiable polos usuarios e as súas familias” asegura Villares.

Exit mobile version