A Coruña, 11 de abril de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta o novo espazo do Museo de Belas Artes da Coruña dedicado á cerámica da Real Fábrica de Sargadelos, cun discurso expositivo renovado que incorpora novas pezas e que se enriquece cunha vertente didáctica e ilustrativa.
“Sargadelos é selo de identidade e de construción cultural moi implicada no territorio, por iso, a posta en valor das pezas históricas dese proxecto cultural teñen un alto interese e debemos mostralas ao público da mellor maneira posible”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación da nova montaxe, acompañado pola delegada da Xunta de Galicia na Coruña, Belén Do Campo, e pola directora do museo, Ángeles Pena.
Posta en valor da cerámica de Sargadelos
Segundo explicou, “a motivación desta nova concepción museística da sala é poder ofrecerlles aos visitantes do Museo de Belas Artes da Coruña unha información máis ampla, que lles permita recoñecer a importancia destes fondos artísticos e comprender mellor a súa pegada na nosa cultura e mesmo no contexto europeo das manufacturas de porcelana da súa época”. Para avanzar neste obxectivo, Anxo Lorenzo anunciou que a Consellería xa está a traballar na organización dunha ampla exposición sobre Sargadelos no museo, que terá lugar en 2015.
Finalmente, expresoulle o seu agradecemento ao equipo de traballo do museo polo seu “esforzo e interese en renovar permanentemente o discurso expositivo do centro, que non é máis que procurar maneiras de renovar o interese dos visitantes, de ampliar as propostas de oferta artística e de facelo, ademais, da maneira máis coidada posible e co rigor histórico que require”.
Novas pezas e contidos
O novo discurso expositivo ten dúas vertentes fundamentais. Por un lado, a reorganización da colección permitiu incorporar novas pezas, dentro das 522 que se conservan nos depósitos do centro, e por outro, a vertente didáctica e ilustrativa que busca servir de estímulo para novos visitantes do museo.
A proposta que os visitantes poden ver agora incorpora novas pezas atendendo ás tipoloxías das vaixelas e aos motivos decorativos. Así mesmo, presenta contidos informativos en distintos niveis de lectura, desde paneis con textos e imaxes de contextualización sobre a figura do marqués de Sargadelos, ata a historia da fábrica e a súa vinculación co contorno económico galego, as etapas produtivas coas técnicas e as marcas, as series decorativas e os distintos motivos e tipos representados. Ademais, nestes momentos estase a programar un dispositivo táctil que incorporará fichas con información complementaria das pezas, e a posibilidade de visibilizalas en formato 3D.
O Museo de Belas Artes da Coruña posúe unha das máis importantes coleccións da cerámica da Real Fábrica de Sargadelos do século XIX, que consta de 522 pezas, formada ao longo dos anos grazas a diversas doazóns e depósitos, e á adquisición por parte da Xunta de Galicia no ano 1992 da colección da familia Martínez-Barbeito.
O museo xa contaba cunha sala para esta colección fundamental da historia artística de Galicia desde que se inaugurou esta sede, logo das obras de rehabilitación abordadas por Gallego Jorreto en 1995. Desde aquela, o centro dedicou unha sala permanente á louza de Sargadelos, na que se viña mostrando unha selección dos modelos e decoracións de cada unha das catro etapas produtivas da fábrica de Cervo.
Unha colección fundamental da historia artística de Galicia
A raíz das obras da construción do barrio do Papagaio, a sala estivo pechada mentres se recuperou a estrutura das paredes danadas do edificio e durante este peche levouse a cabo a renovación da montaxe dedicada á Real Fábrica de Louza de Sargadelos, unha colección fundamental da historia artística de Galicia.
A Real Fábrica de Louza de Sargadelos formaba parte do conxunto fabril creado no século XIX polo ilustrado Raimundo Ibáñez, en Cervo, que foi a primeira fábrica que introduciu en España métodos enteiramente industriais na produción das súas louzas.