Achégase o 83 aniversario da proclamación da II República o 14 de abril de 1931, e como xa é tradición, un grupo de ribadenses estamos a organizar actos conmemorativos aos que convidamos a todos os simpatizantes das ideas e valores republicanos da nosa bisbarra. Terán lugar o sábado 12 de abril, e consistirán na proxección do documental “Las maestras de la República” no Cine Teatro ás 20:30 horas, e a celebración dunha Cea Republicana no restaurante Costa Verde. A entrada ao Cine Teatro é libre e gratuíta. O documental, promovido e cedido gratuitamente para esta celebración polo sindicato UGT, achéganos o legado que deixaron as mestras republicanas a través das lembranzas dunha delas e coa axuda de imaxes de arquivo. Estas mulleres, valentes e comprometidas, participaron na conquista dos seus dereitos e na modernización da educación a través dunha escola pública e democrática. “Sirva este acto para achegarlles a nosa homenaxe”, explican dende Amigos da República. Para participar na cea é preciso inscribirse previamente no restaurante Costa Verde. Finalmente explican dende o colectivo que “contra o que di a publicidade do acto, finalmente non poderemos contar coa presenza de Vadim Vushknevit e os seus cantos da república”.