A Casa da Cultura acolleu este martes unha charla sobre reciclaxe dentro das actividades do Concello de Cervo no Mes do Medio Ambiente. Técnicos de Sogama explicaron detalladamente como facer de forma correcta a separación de residuos así como os beneficios desta práctica. Da mesma maneira a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, deu a coñecer as diferentes medidas de coidado do contorno natural que pon en marcha o Concello. En concreto, lembrou que segue activa a campaña de compostaxe doméstica, deu información sobre o Punto Limpo que leva varios meses funcionando e promoveu a plantación de árbores autóctonas. Neste sentido, todos os asistentes que o desexaron recibiron árbores como castiñeiros, carballos, freixos, bidueiros ou acivros, entre outras especies, co obxectivo de fomentar tamén a recuperación do bosque atlántico en terreos privados.
