Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebrará a súa I Concentración de Coches Clásicos o 18 de maio

Cervo, 18 de abril de 2014- Decenas de coches clásicos percorrerán o municipio na primeira concentración de vehículos deste tipo que se celebra en Cervo. Será o domingo día 18 de maio e o percorrido partirá da praza do Concello, incluíndo unha ruta polos puntos máis atractivos do municipio e que rematará na praza dos Campos.

O edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto así como o presidente do Auto Club Clásicos Narón, José Ángel Hermida, a secretaria, Dolores Blanco e o socio José Antonio Muíño, que organizan esta cita coa colaboración do Concello, deron a coñecer os detalles do evento.

En concreto, a concentración discorrerá por puntos como o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, a estrada que bordea a franxa marítima, o núcleo de San Ciprián, ou o faro de Punta Atalaia. Da mesma maneira, tamén está prevista unha visita á fábrica de cerámica de Sargadelos, ao Museo do Mar e á carpintería de ribeira por parte dos asistentes.

Unha concentración que está aberta a todas as persoas que dispoñan dun coche antigo e que desexen coñecer o municipio. Para poder participar é necesario inscribirse, e o prazo está aberto ata o 14 de maio no teléfono 669 653 977. Polo momento xa está confirmada a asistencia de persoas procedentes de Asturias, Ourense, Lugo e Narón.

Así, Soto destaca esta concentración como “unha oportunidade excelente para dar a coñecer o noso municipio entre os participantes e, ao mesmo tempo, unha iniciativa que redundará de forma inmediata no comercio e a hostalería local”. O edil de Seguridade Cidadá resalta tamén que este evento será “un espectáculo para o público, que poderá ver decenas de vehículos clásicos reunidos e circulando por lugares emblemáticos do municipio”.

Exit mobile version