Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro lamenta que “a pesca non sexa estratéxica para a Xunta de Feijóo” e asegura que os socialistas loitarán polos intereses do sector en Europa

Pontevedra, 12 de abril de 2014. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou que a pesca “non sexa estratéxica para a Xunta de Feijóo” e garantiu que os socialistas loitarán na Unión Europea polos intereses da flota galega e do conxunto do sector primario.

“Co Goberno de Feijóo, a pesca en Galicia perdeu 4.500 traballadores, temos unha Xunta que non é quen de defender ao sector, como vimos hai pouco na negociación da cota para a xarda e o xurelo”, afirmou besteiro na clausura da xornada A nova Política Pesqueira Común a debate, que organizou en Pontevedra a Secretaría de Economía Pesqueira da Executiva galega do PSdeG.

Tamén interviron a secretaria de Organización, Pilar Cancela, e o candidato dos socialistas galegos ao Parlamento Europeo, José Blanco, que ofreceu ao PP a posibilidade de poñer en marcha un lobby galego para defender os intereses de Galicia na Unión Europea.

“Cando falamos da pesca, falamos dun sector que sigue liderando as exportacións de Galicia xunto aos outros dos grandes motores da economía galega, o textil e a automoción, e que supón o 4% do PIB galego e o 4% do emprego, aínda que son porcentaxes que están baixando de forma preocupante nos últimos anos”, manifestou Besteiro.

En opinión do líder dos socialistas galegos, “o Goberno da Xunta está desparecido na xestión dos recursos pesqueiros, negociando cotas insuficientes e admitindo acordos con terceiros países lesivos para Galicia, e temos os exemplos da expulsión da flota de Mauritania ou a imposibilidade de acudir a Marrocos polas pésimas condicións do acordo”.

Á marxe de cuestións xerais, Besteiro lembrou medidas concretas como a privatización do servizo de Gardacostas e a supresión do seguro de mal tempo e da poliza colectiva de accidentes no mar, que comenzan a dar os seus resultados negativos.

“Os socialistas galegos cremos que chegou o momento do cambio, de contraatacar esta situación, e a nosa primeira oportunidade chegará o 25 de maio coas eleccións europeas, xa que os galegos teremos en Bruxelas a José Blanco, que defenderá os intereses da pesca e do conxunto do sector primario, coa agricultura e a gandeiría; outra Europa é posible da man dos socialistas”, afirmou o secretario xeral do PSdeG.

Besteiro considera que a nova PPC “debe garantir que durante o seu desenvolvemento as poboacións pesqueiras acaden os máximos rendementos, sen poñer por suposto en perigo a preservación das especies e a sustentabilidade do medio natural”.

“En interese de Galicia, ademais, consideramos que a UE tería que eliminar o Principio de Estabilidade Relativa, é dicir, o baremos polo que Europa reparte os TAC’s e as cotas anuais, que nos resultan prexudiciais; quedan polo tanto tarefas pendentes, entre elas prioritariamente esta, pola que loitaremos os socialistas galegos” engadiu Besteiro.

Reforma Xudicial
A preguntas dos medios do comunicación antes da súa intervención na xornada, o secretario xeral do PSdeG apuntou que “o proxecto de reforma do Poder Xudicial afasta a xustiza dos cidadáns, despois do encarecemento que provocaron as taxas xudiciais”.

“Galicia ten unha poboación dispersa e se a xustiza se afasta, deixa de ser un servizo público, o plantexamento do PP non é o correcto e eu espero que se corrixa, moitas voltas ten que dar a reforma para que sexa do agrado dos socialistas e do conxunto dos cidadáns; Feijóo ten que defender os intereses de Galicia, non dicir unha cousa aquí e outra en Madrid”, dixo Besteiro.

Exit mobile version