Santiago, 16 de abril de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, afirmou no Parlamento que ao BNG “non lle interesa que os mariñeiros embarcados poidan exercer o seu dereito a voto senón facer política a súa costa”. Así o asegurou despois de que os nacionalistas bloqueasen, coa súa intransixencia, a posibilidade de acadar un acordo parlamentario unánime na Comisión de Pesca celebrada esta mañá sobre a necesidade de impulsar unha reforma da lexislación electoral para facer posible este voto.
Desde o Grupo Popular ofreceron aos nacionalistas a posibilidade de chegar a un acordo de consenso sobre as bases do aprobado por todas as forzas políticas no ano 2007. Daquela, o Parlamento galego demandaba unha modificación da normativa electoral vixente que, ata o de agora, non se ten realizado ante as problemáticas xurdidas para atopar un sistema que garanta o segredo e a liberdade do dereito ao voto. Precisamente en relación con este asunto, os populares censuran a imprecisión dos nacionalistas que, na súa iniciativa, foron incapaces de definir o sistema que propoñen para blindar o voto e exercelo con todas as garantías.
OPORTUNISMO DO BNG
Os populares tamén puxeron de relevo a actitude oportunista do BNG que, curiosamente, “sempre presenta esta iniciativa en período electoral, pero que non fixo nada para cambiar a lei cando estivo no goberno”. De feito, Balseiro lembrou que os nacionalistas pretenden atribuírse o papel de voceiros cando están na oposición, pero perderon todo interese sobre o voto dos mariñeiros embarcados cando tiveron na súa man influír na reforma da lei electoral.
“Tanto durante o Goberno bipartito como durante as dúas lexislaturas socialistas en Madrid, onde o BNG era socio preferente, esta petición caeu da axenda dunha formación que tanto presume de defendelos. Dígame qué resultados concretos alcanzou nesta materia. Porque, que eu saiba, non tiveron nin xestións nin resultados. O BNG adoita a apadrinar problemas, pero escasas solucións”, concluíu Balseiro.
GRUPO POPULAR E XUNTA SEGUIRÁN INSISTINDO
Pola contra, Jose Manuel Balseiro aclarou que desde o Partido Popular e o Goberno galego seguirán defendendo a necesidade de que contar cun sistema que permita que ata o último dos nosos mariñeiros, por moi lonxe que estea, poida libre e autonomamente exercer o dereito ao voto, iso si, contando coas máximas garantías.
Os populares consideran que a normativa que rexe os procesos electorais presenta aspectos que son “manifestamente mellorables” e sinala a importancia de garantir que todos os mariñeiros embarcados
e os membros da mariña mercante poidan exercer o seu dereito ao voto en condicións idénticas ao resto dos cidadáns. “Nunha democracia non existe goberno nin partido político algún que se opoña a que os seus cidadáns voten sempre, estean onde estean. Pero terán que facelo, insisto, coas máximas garantías”, concluíu.